Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta consigue baixar en 17 días o prazo de emisión de informes no primeiro ano de aplicación da Lei de Simplificación Administrativa

A Xunta consigue baixar en 17 días o prazo de emisión de informes no primeiro ano de aplicación da Lei de Simplificación Administrativa

  • O Consello avaliou hoxe un informe do impacto desta Lei no seu primeiro ano de vixencia
  • A Lei naceu para facilitar a implantación das iniciativas empresariais en Galicia e dar paso a unha nova cultura administrativa 
  • Xa están funcionando ferramentas para apoiar a empresas e persoas emprendedoras no desenvolvemento dos seus proxectos 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022.- A Lei de simplificación administrativa e do apoio á reactivación económica de Galicia permite baixar en máis de 17 días -17,30 días-  o prazo de emisión de informes, o que  redunda na axilidade da resolución de trámites empresariais. 

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe do impacto desta Lei un ano despois da súa posta en marcha. A lei 9/2021, do 25 de febreiro naceu para facilitar a implantación das iniciativas empresariais na comunidade autónoma galega, para contribuír á súa reactivación económica, así como para dar paso a unha nova cultura administrativa, máis sinxela e eficaz.

Resolución de informes sectoriais
No eido da atención ao investimento estase a dar soporte a empresas e a persoas emprendedoras no proceso de posta en marcha das súas iniciativas empresariais, así como facilitar a súa implantación. 

Para isto, puxéronse a disposición da cidadanía ferramentas como os catálogos que informan dos trámites administrativos e actuacións necesarias para a posta en marcha dun proxecto, once ata o momento, en galego, castelán e inglés, entre os que se poden atopar desde talleres de reparación de vehículos ata parques eólicos, pasando por comercio de produtos artesáns ou centros de servizos sociais, entre outros.

Outra ferramenta que se reforzou coa entrada en vigor desta Lei é a Oficina Doing Business Galicia, a unidade especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias. Tanto estes dous recursos como outros que están xa a funcionar, están accesibles á cidadanía a través da oficina Galicia Empresa.

Xestión dos Fondos de Recuperación 
No texto da Lei aparece ademais un apartado relativo á creación de grupos de traballo destinados á xestión dos proxectos que se financien cos fondos de recuperación e resiliencia. 

Ata o momento, creáronse tres grupos: un encargado do Seguimento da Lei de Simplificación, que realiza avaliacións periódicas da mesma; outro do Estudo e Simplificación de subvencións, que deseñou un modelo de subvencións dirixidas a autónomos e empresas que se financien con estes fondos, e creou un Banco de criterios de baremación comúns, o primeiro deste tipo en España, que permite que os solicitantes saiban que criterios van primar na subvención que están solicitando. 

O terceiro grupo, o de Estudo de Harmonización da Contratación creou un catálogo de criterios de adxudicación para a contratación de obras, con especial fincapé nas financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), así como uns pregos de referencia para o seu uso polos órganos de contratación da Administración xeral e por parte das entidades instrumentais

Para a xestións dos fondos, a Xunta aprobou actuacións en materia de persoal, baseadas na posta en valor do talento interno da organización e da experiencia dun importante colectivo de empregados públicos neste ámbito. 

Compre lembrar ademais que Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en aprobar un Plan Xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude de aplicación a todas a Consellerías, centros directivos e entidades do sector público que executen Fondos Next Generation, a finais do pasado ano 2021.