Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta comunica aos sindicatos 4.946 prazas susceptibles de ser convocadas no proceso de estabilización de emprego

A Xunta comunica aos sindicatos 4.946 prazas susceptibles de ser convocadas no proceso de estabilización de emprego

  • As organizacións sindicais poderán facer observacións ata o vindeiro 5 de maio
  • Do total de prazas, 4.537 poderán seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e 409 a través dun concurso-oposición
  • A OEP dos procesos de estabilización recollida na Lei 20/21 debe aprobarse e publicarse antes do 1 de xuño deste ano
  • Estes procesos son diferentes das oposicións libres que a Xunta realizará de xeito paralelo

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A Xunta vén de comunicar aos sindicatos 4.946 prazas susceptibles de ser convocadas no proceso de estabilización de emprego establecido na Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

As organizacións sindicais poderán consultar as prazas a través dun buzón coa finalidade de proceder á súa revisión e comprobar que todas as prazas se axustan ás características esixidas pola normativa estatal. Os sindicatos poderán facer observacións ata o vindeiro 5 de maio. 

A Lei 20/21 distingue dous tipos de procesos: un proceso de estabilización mediante o sistema de concurso de méritos no que se valorarán exclusivamente os méritos e outro a través do sistema de concurso-oposición que comporta a realización de exames.

O primeiro dos procesos empregarase para seleccionar todas as prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e de xeito ininterrompido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016, mentres que o segundo será de aplicación ás prazas ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos os tres anos anteriores ao 31 de decembro do ano 2020. 

Das 4.946 prazas comunicadas para o proceso de estabilización, 4.537 poderán seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e outras 409 a través dun concurso-oposición. 

Ademais, do total de prazas, 3.357 correspóndense con prazas de emprego público na Administración Xeral e 1.589 con prazas das entidades do sector público autonómico. Dentro das entidades do sector público, 1.337 prazas pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no que 1.145 serán susceptibles de seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e 192 por concurso-oposición. 

Non se inclúen as prazas correspondentes á sanidade nin ao ensino, que se negociarán nas súas mesas respectivas. Neste envío para a súa revisión polas organizacións sindicais, a Xunta incluíu ademais prazas correspondentes a outros procesos de selección e provisión que están en curso.

A Lei tamén establece que a Oferta de Emprego Público (OEP) dos procesos de estabilización deberá estar aprobada e publicada antes do 1 de xuño de 2022 e que as correspondentes convocatorias deberán publicarse antes do 31 de decembro deste ano.

En todo caso, estes procesos son diferentes das oposicións libres para as que a Xunta convocou a principios deste mes 333 prazas. Así mesmo, a Administración galega está a negociar tamén coas organizacións sindicais as convocatorias doutras 397 prazas para oposicións libres.