Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta comezará en marzo a posta en funcionamento dos caixeiros e dos servizos de asistencia financeira e formación no rural

A Xunta comezará en marzo a posta en funcionamento dos caixeiros e dos servizos de asistencia financeira e formación no rural

  • Así o anunciou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel CorgosExplicou que estes servizos se irán implantando semana a semana nos 38 concellos que o solicitaron para achegar unha solución a máis de 51.000 persoas
  • A Xunta e a Fegamp asinaron un protocolo de colaboración para facilitar o acceso aos servizos financeiros nos concellos do medio rural

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- A Xunta comezará en marzo a posta en funcionamento dos caixeiros e dos servizos de asistencia  financeira e formación no rural. Estes servizos iranse implantando semana a semana en cada un dos 38 concellos que o solicitaron para achegar unha solución a máis de 51.000 galegas e galegos.

Así o anunciou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que subliñou que esta iniciativa non se limita á instalación de caixeiros, senón que busca unha presencialidade física nos concellos a través dos servizos de asistencia e formación, que deben desenvolverse de xeito presencial e con persoal da propia entidade financeira.

Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinaron un protocolo de colaboración para facilitar o acceso aos servizos financeiros nos concellos do medio rural.

Segundo expuxo, esta actuación ten un triplo obxectivo: a instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de forma semellante a unha oficina bancaria, solucionar de xeito presencial dúbidas e contratar servizos financeiros; e unha oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Miguel Corgos sinalou que esta alternativa resulta atractiva para os concellos posto que non teñen que facer ningunha achega económica e tan só deben ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento e formación aos cidadáns. É a Xunta a que corre integramente co financiamento destas medidas.

Un problema global de España
O conselleiro de Facenda e Administración pública explicou tamén que as dificultades dos cidadáns para acceder aos servizos financeiros no medio rural e nas zonas despoboadas é un problema global de España, e non exclusivo de Galicia.

Neste sentido, subliñou que a Xunta foi a primeira en abordar esta cuestión e que tomou a iniciativa desde dous eidos: por un lado buscando solucións e alternativas, e por outro instando ao Goberno central a mudar a normativa actual para garantir a prestación presencial dos servizos financeiros.

En todo caso, sinalou que existe consenso en que este problema común a todos os territorios require dun tratamento e dunha solución coordinada por parte das diferentes administracións públicas, e que as accións comúns a desenvolver teñen que ser impulsadas polo goberno do Estado.