Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba unha Oferta de Emprego Público extraordinaria de 84 prazas de acceso libre para prestar novos servizos públicos

A Xunta aproba unha Oferta de Emprego Público extraordinaria de 84 prazas de acceso libre para prestar novos servizos públicos

  • As prazas son de libre concorrencia polo que poderá participar calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas bases das convocatorias
  • Destacan seis prazas en Galaria para a posta en marcha do Centro de Fabricación de Inmunoterapias Celulares Avanzadas

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022.- O Consello da Xunta aprobou hoxe un decreto de Oferta de Emprego Público (OEP) extraordinaria para 2022 na que se inclúen 84 prazas de acceso libre no sector público autonómico de Galicia para prestar novos servizos públicos.

En concreto, ofértanse 6 prazas en Galaria Empresa de Servizos Sanitarios; 58 na Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA); 3 prazas na Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI); 9 na Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco (XES Galicia); e outras 8 prazas en Portos de Galicia. 

A oferta faise ao amparo da Lei 22/2021, do 28 de decembro de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 que recolle a posibilidade de ofertar as prazas necesarias para a posta en marcha de novos servizos ou para aqueles que pasan a xestionarse de forma directa. Ademais, esta Lei sinala que estas prazas non computarán para a taxa de reposición e, polo tanto, non afectan á Oferta de Emprego Público ordinaria para 2022. 

Estas prazas facilitarán a posta en marcha do Centro de Fabricación de Inmunoterapias Celulares Avanzadas, que permitirá manter a prestación sanitaria de Galicia á vangarda dos tratamentos existentes, para que os pacientes galegos poidan recibir tratamentos máis modernos sen necesidade de saír da comunidade autónoma; desenvolver diversas actuacións enmarcadas no Plan de Investimentos Sanitarios; a xestión de fondos europeos ou a execución de novos investimentos.

Ademais, todas as prazas son de libre concorrencia polo que poderá participar calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas bases das correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse garantindo os principios constitucionais de mérito e capacidade en condicións de igualdade, así como os demais principios reitores da Lei 2/2015, do 29 de abril, de Emprego Público de Galicia. 

OEP ordinaria
A oferta de emprego público aprobada hoxe é independente e complementaria da OEP ordinaria da Administración Xeral da Comunidade Autónoma para 2022 que se aprobará antes de que remate o ano.  

Hai que lembrar que a oferta de emprego autonómica para o ano pasado ascendeu a 4.753 prazas (1.491 prazas na Administración Xeral; 1.215 no eido sanitario; e 1.604 no ámbito educativo).