Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba o Plan Galicia Territorio Intelixente cun investimento de 6M€ para construír un xemelgo dixital baseado na ciencia de datos xeoespaciais

A Xunta aproba o Plan Galicia Territorio Intelixente cun investimento de 6M€ para construír un xemelgo dixital baseado na ciencia de datos xeoespaciais

  • Permitirá monitorizar a actividade no territorio, efectuar simulacións e análises predictivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre o contorno como un elemento estratéxico de apoio ao cumprimento do pacto verde europeo
  • A Plataforma Galicia Territorio Intelixente configúrase como un conxunto de servizos cloud que facilitará que o espazo de datos con base cartográfica estea á disposición de múltiples aplicacións en diferentes ámbitos
  • Constituirá un instrumento de carácter estratéxico para a planificación das políticas publicas, o desenvolvemento de servizos intelixentes para a xestión e conservación do patrimonio natural e cultural así como a seguridade e prevención de riscos e xestión de alertas
  • Entre as medidas para desenvolver está a posta en marcha dun sistema integral e unívoco de direccións territoriais e rueiros urbanos

Santiago de Compostela, 21 de xullo.- A Xunta porá en marcha a Plataforma Galicia Territorio Intelixente (PGTI) que permitirá monitorizar a actividade do territorio, efectuar simulacións sobre o impacto da acción da sociedade sobre o medio e a zona na que se desenvolve e será un elemento estratéxico de apoio ao cumprimento do pacto verde europeo. Este xemelgo dixital do territorio contará cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, segundo se recolle no Plan Plataforma Galicia Territorio Intelixente, aprobado hoxe no Consello da Xunta, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio.

A Plataforma Galicia Territorio Intelixente configúrase como un conxunto de servizos cloud que facilitará que o espazo de datos con base cartográfica estea a disposición de múltiples aplicacións en diferentes ámbitos. Constituirá un instrumento de carácter estratéxico para a planificación das políticas publicas, o desenvolvemento de servizos intelixentes para a xestión e conservación do patrimonio natural e cultural así como a prevención de riscos e xestión de alertas.

Para o seu desenvolvemento evolucionarase o sistema de información xeográfica corporativa (SIX), que está en marcha desde 2009, coordinado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). A nova plataforma permitira a captura automatizada de datos sobre o territorio, o tratamento de grandes volumes de información xeoespacial, así como a simulación sobre as tendencias e consecuencias das accións sobre o territorio, con especial interese no relativo ao cambio climático e ao desenvolvemento de accións cara a transición verde. A captación e tratamento intelixente do dato incorporará técnicas de  Intelixencia Artificial e Big Data, e integrará proxectos que a Xunta ten en marcha, como as iniciativas Terras, para completar as capacidades da plataforma ou a Rede pública de Internet das Cousas, que  facilitará a captación de datos con base territorial en ámbitos estratéxicos para Galicia.

A plataforma proporcionará información confiable, actualizada e interoperable para a xestión dos servicios públicos, da seguridade, saúde e benestar sociais, emerxencias; medidas para a adaptación ao cambio climático; solucións sostibles de mobilidade; renovación urbana; desenvolvemento rural e servizos para o turismo e a conservación e difusión do patrimonio.

Servizos intelixentes
A plataforma facilitará o desenvolvemento dunha serie de servizos intelixentes de información territorial para diferentes ámbitos como a mobilidade sostible. Porase en marcha un servizo de rueiro e xeocodificación, que permitirá actualizar as bases de datos de catastro, censo, padrón e a identificación unívoca de inmobles e edificacións, datos chave para o desenvolvemento do territorio, ou o correo, a actividade comercial ou a xestión de emerxencias.

Este servizo proporcionará soporte a aplicacións para a mobilidade sostible, que permitirán ofrecer información en tempo real para o transporte baixo demanda ou a aplicación de novas tecnoloxías de condución supervisada, semiautónoma ou completamente autónoma.

Tamén está prevista a implantación de servizos intelixente para a xestión dun territorio máis sostible, verde ou resiliente, desenvolvendo ferramentas para a monitorización do territorio, a planificación forestal, para o fomento, seguimento e protección da biodiversidade; a xestión de explotacións agrarias, indicadores de seguimento do desenvolvemento económico, social e ambiental ou a xestión de emerxencias.

Ademais a tecnoloxía actual permitirá poñer en macha novos servizos para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio cultural con novas ferramentas para un mellor control da protección do patrimonio e da eficiencia enerxética de edificios ou conxuntos históricos, o mapeo en 3D e a reconstrución tridimensional de bens do patrimonio, e o desenvolvemento de novos contidos que permitan a difusión dos nosos recursos turísticos, así como a súa accesibilidade.

Unha plataforma para o sector público, cidadáns e empresas
Os potenciais usuarios desta información son tanto os sectores público e privado como a poboación en xeral, as ONGs, pemes agricultores, colexios profesionais, sectores enerxéticos, empresariais, económicos e inversións. A información da plataforma estará dispoñible a través dun xeoportal desde a que os usuarios poderán buscar, visualizar, consultar e descargar datos, capas, mapas e información xeográfica e analítica.

Para maximizar o aproveitamento das capacidades da plataforma desenvolverase un programa formativo, tanto para os profesionais do sector público como para cidadanía e empresas, con talleres e formación continúa organizados de forma sectorial.

Orzamento
O Plan conta cun orzamento de máis de 6,6 millóns de euros para o período 2021-2025 procedentes de Fondos Feder, do Programa europeo para a recuperación dos territorios (REACT-EU) e de fondos propios da Comunidade.