Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta analiza as consecuencias xurídico-administrativas da pandemia co obxecto de mellorar a resposta a futuras crises

A Xunta analiza as consecuencias xurídico-administrativas da pandemia co obxecto de mellorar a resposta a futuras crises

  • A Escola Galega de Administración Pública inicia un curso monográfico de dous días no que aborda as diferentes medidas adoptadas para afrontar a situación de emerxencia ocasionada polo gromo epidémico da COVID-19 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023.- A Escola Galega de Administración Pública analiza nun curso monográfico celebrado en Santiago de Compostela as consecuencias xurídico-administrativas da pandemia co obxecto de mellorar a resposta a futuras crises. 

Durante dous días, expertos na materia abordarán as diferentes medidas adoptadas para afrontar a situación de emerxencia ocasionada pola COVID-19, entre as que destacan o decreto de estado de alarma, a restrición de dereitos e liberdades e a adaptación da actividade contractual á situación de emerxencia. 

No acto de inauguración do curso participou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, a cal resaltou o incuestionable valor do dereito público na xestión da crise sanitaria, aínda que recoñeceu o forte debate sobre a legalidade e a proporcionalidade das medidas adoptadas durante a pandemia. Por este motivo, engadiu, cómpre abrir un debate neste ámbito coa finalidade de estar preparados para resolver as futuras crises do noso país.

Este curso monográfico reunirá entre hoxe e mañá na Escola a Juan José Lavilla e Ignacio Astarloa, letrados das Cortes Xerais; a Carmen Mª Salgueiro, letrada da Xunta de Galicia e do Consello Consultivo de Galicia; a Mercedes Fuertes, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de León, a Federico Montalvo, vicerreitor de Relacións Institucionais e secretario xeral da Universidade Pontificia de Comillas, e a Francisco Pueyo, presidente da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra.