Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta amplía a capacidade dos sistemas de respaldo da información da Administración

A Xunta amplía a capacidade dos sistemas de respaldo da información da Administración

  • O Goberno galego aproba un acordo marco para reforzar e ampliar o equipamento que posibilita a xestión das copias de seguridade de datos, expedientes e documentos que xestiona a Administración autonómica

 

O consello do Goberno galego autorizou hoxe un acordo marco que permitirá reforzar e ampliar a capacidade das plataformas que custodian as copias da información que xera a Administración autonómica. O novo contrato, cunha vixencia de catro anos, posibilitará a adquisición de software e compoñentes hardware que integran estas plataformas para reforzar as capacidades actuais e garantir a seguridade e o volume crecente de información que xestiona a Administración pública (expedientes xudiciais e educativos, entre outros).

O contrato aprobado hoxe permitirá contar con varios provedores dos diferentes compoñentes das plataformas, que se adquirirán a través de contratos derivados en función das necesidades. O acordo ten un importe de licitación de 22,4 millóns de euros (IVE incluído).

O contrato dá resposta ás necesidades dunha administración intelixente cunha xestión dixital. As plataformas de respaldo ("backup") son un elemento fundamental da administración dixital que garante a conservación da información ante calquera incidencia. A Xunta ten distribuídas estas plataformas no Centro de Proceso de Datos (CPD) principal, na Cidade da Cultura, no Centro de respaldo de San Caetano e no CPD de Domingo Fontán.

Goberno intelixente
O reforzo das infraestruturas dixitais é fundamental para consolidar un goberno intelixente, un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG) que contempla diferentes actuacións para ofrecer máis servizos públicos dixitais, seguros e dispoñibles. Entre os obxectivos intermedios da EDG neste ámbito, está acadar no 2025 que o 70% das persoas e o 85% das microempresas usen a canle dixital para relacionarse coas administracións.