Skip to Content

Notas de prensa

A Xunta amosa a súa disconformidade co deseño do programa ÚNICO e pide ampliar o prazo e adaptar as actuacións para executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade

A Xunta amosa a súa disconformidade co deseño do programa ÚNICO e pide ampliar o prazo e adaptar as actuacións para executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade

  • Na Conferencia sectorial para a Transformación dixital celebrada onte, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, mostraron a súa disconformidade coa proposta de reparto de fondos por non acompañarse de medidas de flexibilización para a súa xestión nin ampliar as actividades subvencionables, como ven reiterando a Xunta desde a posta en marcha do programa
  • Previamente, os responsables autonómicos de Dixitalización de Galicia e quince CC.AA. máis lembraron de novo nunha carta á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas dixitais esta necesidade de flexibilización e de reforzar a cogobernanza
  • O Goberno galego alertou desde o inicio do programa de que o deseño unilateral das medidas non ten en conta as necesidades de cada territorio

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2024.- A Xunta de Galicia amosa a súa disconformidade co deseño do Programa ÚNICO e pide ampliar o prazo e adaptar as actuacións para executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade. Na Conferencia sectorial celebrada onte, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o director da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, manifestaron a súa disconformidade cos novos criterios propostos polo Ministerio para o reparto e xestión de fondos do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) sen que se tomen medidas que melloren a súa xestión.

O Programa ÚNICO, fixado unilateralmente polo Goberno do Estado, transferiu á Comunidade autónoma máis de 19 millóns de euros para desenvolver catro liñas de actuación que foron definidas polo Goberno, sen ter en conta as características e necesidades de cada Comunidade. 

Galicia alertou ao inicio do programa dos obstáculos que isto suporía na execución dos fondos e consecución dos obxectivos fixados, xa que o seu deseño unilateral non ten en conta as necesidades de cada territorio. De feito, a disconformidade de Galicia amosada onte ao Goberno central na Conferencia sectorial por este deseño súmase a unha petición que quince responsables autonómicos de dixitalización fixeron chegar á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas dixitais para que se apliquen medidas que permitan que os proxectos se adapten ás necesidades da poboación. 

Nesta petición os representantes autonómicos expresan "a súa preocupación" sobre a xestión dos fondos e reclaman a "ampliación do prazo máximo para a execución das actuacións obxecto de axuda" e "a posibilidade de destinar as subvencións á realización de proxectos realmente necesarios en cada Comunidade Autónoma e demandados pola cidadanía", permitindo que se poidan transferir a outras liñas de actuación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para acadar mellores resultados e obter máis beneficiarios.

Os retrasos nas convocatorias, que inciden nos prazos previstos para poñer en marcha os proxectos, e a falta de adecuación dos obxectivos ao que realmente precisa a poboación complican a execución dos programas en tempo e forma.

A Xunta considera imprescindible para a boa execución do programa que o Estado amplíe o prazo ata finais de 2025, ademais de modificar as condicións das axudas e de poder transferir os fondos entre liñas de actuación para acadar un maior número de beneficiarios e un reforzo da conectividade onde é realmente necesario.