Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta achega 2,39M€ ao Concello de Santiago para o financiamento dos gastos de capitalidade

A Xunta achega 2,39M€ ao Concello de Santiago para o financiamento dos gastos de capitalidade

  • O Goberno galego contribúe así ao mantemento dos servizos na cidade derivados da súa condición como capital de Galicia e sede das institucións autonómicas 
  • A cantidade consignada para 2024 mantense estable con respecto ao ano pasado

O Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e o Concello de Santiago en virtude do cal o Goberno galego achegará 2,39 millóns de euros ao consistorio compostelán no ano 2024 para o financiamento dos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma.
Este acordo enmárcase na Lei 4/2002, do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela, que recoñece a cidade compostelá como sede das institucións autonómicas e capital de Galicia. A citada norma regula, ademais, as relacións de colaboración e cooperación entre o Concello e a Xunta de Galicia.
Neste sentido, o Estatuto de Capitalidade establece a necesidade de achegar, por parte do Goberno galego, financiamento específico para axudar a sufragar o custe adicional derivado da presenza das institucións autonómicas no termo municipal de Santiago de Compostela. A cantidade consignada para 2024, 2.392.425€, mantense estable con respecto ao ano pasado. 
O órgano encargado da interpretación e seguimento do cumprimento do presente convenio será o Consello da Capitalidade, órgano colexiado de carácter permanente creado ao abeiro do Estatuto de Capitalidade.