Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta abre o prazo para inscribirse nas oposicións de 297 prazas de emprego público

A Xunta abre o prazo para inscribirse nas oposicións de 297 prazas de emprego público

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para o acceso aos subgrupos A1, C1 e C2 da Administración xeral, que se desenvolverá polo sistema de oposición libre
  • O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar nestas oposicións abre mañá, 28 de xuño 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para inscribirse nas oposicións para 297 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias para o acceso aos subgrupos A1, C1 e C2 da Administración xeral polo sistema de oposición libre.

Este sistema permite que a estas probas poida presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e as súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo.

Estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2020 e 2021 e forman parte das 720 prazas de emprego público que se cubrirán polo sistema de oposición libre anunciadas no mes de marzo. Destas 720 un total de 423 xa foron convocadas e complétanse con estas 297 prazas.

Emprego estable e cadros de persoal máis novos
A Consellería de Facenda e Administración Pública propón esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na Administración.

Estas convocatorias son adicionais ás dos procesos de estabilización de emprego que se desenvolven ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que se publicaron a finais de maio. 

20 días hábiles
O prazo de inscrición ábrese mañá, 28 de xuño e remata o vindeiro 26 de xullo, co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude electrónica que se facilita gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal), e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O modelo de solicitude está dispoñible na ruta ‘Procesos selectivos' – ‘Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos'- e os aspirantes deben dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.