Volver ao contido

Notas de prensa

A EGAP reforza o Plan de formación para 2022 coa incorporación de 124 novidades respecto ao ano anterior

A EGAP reforza o Plan de formación para 2022 coa incorporación de 124 novidades respecto ao ano anterior

  •  O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu esta mañá o Consello Reitor deste organismo
  • Na reunión, a directora da EGAP presentou o plan de formación para o ano 2022, que suporá a convocatoria de 674 actividades formativas e 34.419 prazas, un 9,6% e un 9,4% máis, respectivamente, en relación ao ano anterior
  • Sonia Rodríguez-Campos anunciou 124 novidades formativas e un completo programa formativo con temas estratéxicos e de máxima actualidade e unha oferta moi diversificada
  • O catálogo formativo prevé reforzar os contidos relacionados coa Unión Europea, incorporar programas específicos para o persoal directivo e predirectivo e incrementar a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, entre outras liñas

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu esta mañá o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Nesta reunión, a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos, informou das actividades do 2021 e presentou o programa formativo previsto para o vindeiro ano.

 

Así, o Plan de formación para o 2022 implicará a convocatoria de 674 actividades formativas e 34.419 prazas dirixidas en exclusiva ao persoal empregado público de Galicia, o que suporá aumentar un 9,6% o número de cursos e un 9,4% o número de prazas con respecto ao ano anterior. Do mesmo xeito, a directora da EGAP tamén anunciou a incorporación de 124 novidades formativas, cun incremento e diversificación da oferta.


Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que en 2022 está previsto un completo programa formativo, que inclúe contidos estratéxicos e de máxima actualidade na procura da mellora das competencias dos empregados e empregadas públicos e, polo tanto, da modernización das administracións públicas de Galicia.


As liñas estratéxicas do Plan de formación van encamiñadas a abordar as principais novidades lexislativas de interese no ámbito do sector público co propósito de garantir a actualización permanente dos coñecementos por parte do persoal empregado público. Tamén se presta especial atención á incorporación de contidos innovadores e estratéxicos para o conxunto da función pública de Galicia como son, entre outros, a Administración dixital, a integridade institucional ou a mellora dos servizos públicos.


Esta oferta formativa pretende, así mesmo, contribuir á mellora das habilidades personais requeridas no actual contexto social, garantir o carácter práctico das actividades formativas e prestar especial atención á aplicabilidade dos coñecementos en materias esenciais coma a contratación pública, procedemento administrativo, persoal, subvencións, etc.


A directora do organismo resaltou o compromiso da EGAP coa formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero cunha ampla oferta con preto de 2.200 prazas formativas, na que se abordarán distintas vertentes: esteorotipos de xénero, conciliación, linguaxe non sexista, prevención da violencia de xénero entre distintos colectivos, etc. Ademais, está prevista a inclusión de novos títulos relacionados con esta materia coma "Comunicación incluínte", "Empoderamento feminino e crecemento persoal", "Diversidade afectivo-sexual" ou "Identidades de xénero".


Outros dos contidos formativos aos que se lles concedeu a máxima prioridade son aqueles enmarcados na área de formación da Unión Europea, coa incoporación de novos contidos relacionados coa acción exterior das administracións públicas galegas, o Dereito sancionador europeo ou o Dereito europeo concorrente no eido do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Nesta misma liña, subliñou a importancia e a prioridade dos contidos relativos á xestión dos fondos europeos e a formación acorde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), en materias coma as boas prácticas ambientais nas administracións públicas e a Axenda 2030, entre outras.


Este programa complétase cunha formación variada e diversificada en idiomas –con máis de 2.000 prazas e 51 cursos de lingua de signos, francés, alemá, portugués, inglés e, coma novidade,  italiano-, en ofimática -co conxunto de actividades que dan dereito á certificación galega de competencias dixitais- e cunha oferta completa en materias transversais e específicas esenciais para mellorar o traballo diario do persoal ao servizo das administracións públicas.


Por outra parte, no que respecta ás modalidades formativas, o plan continúa a reforzar a aposta da EGAP polo emprego de diferentes contornas de aprendizaxe e as metodoloxías de ensino baseadas no uso de medios telemáticos (teleformación, telepresenza e autoformación), sen descoidar a docencia persoal, o cal constitúe unha liña estratéxica de actuación, que se viu reforzada ademais ante as circunstancias derivadas da pandemia provocadas pola COVID-19. O Plan de formación para o ano 2022 recolle un programa de autoformación máis amplo e accesible a todos os colectivos de empregados e empregadas públicos, no que se ofertarán 11.000 prazas e 110 cursos, fronte as 9.400 prazas e 94 cursos do ano anterior.


Cursos superiores, monográficos, xornadas e webinarios
Ademais, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores, monográficos, xornadas e webinarios previstos para o próximo ano. A EGAP continuará coa convocatoria mensual da formación práctica dixital E-martes e impartirá os cursos superiores de Administración electrónica; das leis 39 e 40/2015 do Procedemento Administrativo Común e do Réxime Xurídico do Sector Público;  ciberseguridade; urbanismo; inspección ambiental de Galicia e protección dos datos personais.

Tamén, a Escola ten previsto organizar un programa formativo específico para o persoal directivo e predirectivo coa finalidade de que poida desenvolver as competencias que se necesitan na situación actual e impulsar a mellora continua das administracións públicas e a súa adaptación permanente ás necesidades do contexto no que actúan. Este programa constará de diversos módulos sobre dirección e xestión pública, actividade e procedemento administrativo, organización e funcionamento das administracións públicas e habilidades profesionais de desenvolvemento de competencias.

 

Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)
Finalmente, informouse das actividades que se farán a través do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) durante o 2022, organismo creado co obxectivo de formar e investigar en aspectos económicos nucleares do sector público. Así, abordará, a través do seu plan formativo, títulos relacionados coa xestión financeira, orzamentaria, tributaria e contable, gasto público e o seu control e auditoría, e contratación pública e os seus procedementos.

 

En 2022 iniciarase a formación continua no marco do IEP incluíndo contidos novidosos e especializados en materias coma a auditoría operativa, indicadores orzamentarios, xestión de fondos europeos, avaliación do gasto público e integridade na contratación.
A planificación das actividades do Instituto terá en conta en todo momento os novos retos e as esixencias que se lles presentan ás administracións e que derivan, entre outras cuestións, da política económica vixente, da evolución dos conceptos de gobernanza e rendición de contas, do sistema de financiamento autonómico e captación de fondos da Unión Europea.