Volver ao contido

Notas de prensa

A Egap convocará en 2024 máis de 120 cursos e 2.000 horas de formación para seguir avanzando cara a un sector público electrónico

A Egap convocará en 2024 máis de 120 cursos e 2.000 horas de formación para seguir avanzando cara a un sector público electrónico

En total ofertaranse preto de 5.800 prazas dirixidas á formación do persoal empregado público galego 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro.- O Consello da Xunta deu conta hoxe do informe sobre a formación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en e-Administración, ciberseguridade, competencias dixitais e intelixencia artificial para este ano 2024, coa finalidade de seguir avanzando cara a un sector público electrónico. Neste marco, ao longo deste exercicio convocaranse un total de 123 cursos, que suporán máis de 2.000 horas de formación e un total de 5.765 prazas, dirixidas ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autonómica, da Administración de xustiza e das entidades locais galegas, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como ao persoal de administración e servizos das universidades do Sistema Universitario de Galicia. 

Segundo o informe, esta oferta prográmase directamente desde a EGAP, e a través dos convenios asinados pola Escola e a Axencia para a Modernización, con formación en materia de administración electrónica e de seguridade e protección de datos, así como con actividades do Marco Galego de Competencia Dixitais. Todo artellado a través de tres vías: actividades de formación continua, cursos superiores e xornadas de formación práctica dixital (e-martes).

A formación continua estará integrada por cursos que incidirán nas novidades normativas e tecnolóxicas máis recentes neste eido, e por actividades mediante as que se formará ao persoal empregado público nas solucións informáticas creadas especificamente para a administración dixital.

Estes cursos abarcarán materias como a administración electrónica –con cursos sobre as plataformas tecnolóxicas propias da Xunta, como o sistema electrónico de facturación, o xestor de expedientes de contratación, o sistema de licitación electrónica ou a canle dixital do emprego público-; a intelixencia artificial; a robotización; a seguridade e a protección de datos; o teletraballo; ou a ofimática. 

Así mesmo, e coa finalidade de ofrecer a determinados colectivos do sector público unha formación máis especializada, desde unha perspectiva técnica, xurídica e práctica-, ofertaranse, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tres cursos superiores sobre: administración electrónica, ciberseguridade e protección de datos. 
      
Por último, as xornadas de formación práctica dixital e-martes, terán como finalidade formar dunha maneira práctica e dinámica sobre as materias, neste momento, máis relevantes para a Administración, ante os recentes cambios tecnolóxicos e normativos: procedemento administrativo, administración electrónica, contratación pública e protección de datos. 

Esta actividade configurarase como unha sesión formativa única de sete horas lectivas cunha breve introdución teórica, seguida dunha clase práctica que estará centrada no manexo de aplicacións.