Volver ao contido

Notas de prensa

A EGAP analiza nun webinario o relevo xeracional da función pública marcado pola dixitalización

A EGAP analiza nun webinario o relevo xeracional da función pública marcado pola dixitalización

  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe xoves o webinario "O inaprazable reto da remuda xeracional da función pública no marco dos desafíos do sector público na terceira década do século XXI"
  • O seminario web foi impartido polo consultor e doutor en Dereito da Universidade do País Vasco, Rafael Jiménez Asensio
  • O xurista defendeu a importancia de promover a transferencia e a xestión do coñecemento experto e a formación continua dos empregados públicos ao longo da dúa carreira profesional

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe xoves un webinario no que se analizou o relevo xeracional da función pública marcado pola implantación da dixitalización nas Administracións Públicas.

O webinario, co título "O inaprazable reto da remuda xeracional da función pública no marco dos desafíos do sector público na terceira década do século XXI", foi impartido polo doutor de Dereito pola Universidade do País Vasco e consultor das Administracións Públicas, Rafael Jiménez Asensio, a través da modalidade de telepresenza. O seminario web enmárcase no ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración pos-COVID promovido pola Escola.

Rafael Jiménez Asensio apuntou que será necesario adaptar os empregos públicos convencionais aos cambios tecnolóxicos, coa incorporación da dixitalización, a automatización e a Intelixencia Artificial, un proceso que alterará profundamente os postos de traballo e o tipo de perfís profesionais que a Administración Pública demandará no futuro. 

"Será un novo tipo de profesional que acredite, ademáis dos coñecementos do seu ámbito funcional, un elevado desenvolvemento de competencias dixitais, habilidades blandas e coñecemento de idiomas". Neste sentido, apuntou que hai que priorizar a captación de novos perfís profesionais STEM procedentes de ámbitos de tecnoloxía informática, enxeñería de datos e matemáticos, así como estatísticos, que poidan traballar de forma efectiva en contornas de actividade pública marcados polo Big Data, minería de datos ou análises de riscos.

Para o consultor das Administracións Públicas, este proceso de transformación e mellora continua esixirá profundos cambios nas estructuras organizativas, que deberán ser máis adaptables, e nos hábitos profesionais da función pública. "Hai que fortalecer a idea de servizo público e a empatía social coa cidadanía e apostar pola integridade, a innovación, a creatividade, a flexibilidade, a transversalidade e a adaptación permanente e traballar por programas ou proxectos para lograr unha función pública máis dinámica. 

Na súa intervención, Rafael Jiménez Asensio tamén sinalou que hai que articular mecanismos que permitan a transferencia do coñecemento experto e das destrezas adquiridas polos empregados públicos mediante diferentes técnicas formativas como o mentoring co obxectivo de prestar o mellor e máis eficiente servizo aos cidadáns, ao tempo que defendeu a importancia de atraer talento xoven profesional e estimular a formación, a capacidade de adaptación e a aprendizaxe continuo ao longo da vida profesional do persoal público.

Ademais avogou polo desenvolvemento efectivo da dixitalización e automatización nas Administracións Públicas, así como adoptar medidas efectivas para superar as fendas dixitais que poden afectar a colectivos vulnerables, entre outros temas.