Volver ao contido

Notas de prensa

A décima edición de Tecnólog@ por un día ofrece preto de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos

A décima edición de Tecnólog@ por un día ofrece preto de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos

  • Esta iniciativa brinda a estudantes de secundaria e bacharelato a oportunidade de coñecer o funcionamento dunha empresa tecnolóxica
  • Ata o 9 de abril, os interesados en participar poden inscribirse a través dos seus centros educativos
  • Esta actividade enmárcase nas actuacións do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións dixitais entre os máis novos

Santiago de Compostela, 1 de abril do 2024.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de poñer en marcha a décima edición do programa Tecnólog@ por un día, que ofrece aos estudantes de secundaria e bacharelato a oportunidade de formar parte dunha xornada laboral dunha empresa tecnolóxica.


Esta nova edición conta con 48 prazas dispoñibles para visitar o Centro GaiásTech ou as instalacións das empresas TIC que colaboran coa iniciativa: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA, Quobis e Duacode.


Tecnlóg@ por un día é unha actividade lúdica e interactiva que permite a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos coñecer o funcionamento dos centros de traballo das empresas tecnolóxicas galegas, achegarse a proxectos reais e tomar contacto coas novas profesións dixitais da man do persoal experto destas compañías.


Inscrición a través dos centros educativos

Os centros educativos, a través do seu persoal docente, serán os encargados de solicitar a inscrición dos mozos e mozas con interese en converterse en tecnólog@s por un día; e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 9 de abril. 

O formulario de inscrición está dispoñible no espazo de Tecnólog@ por un día da web DigiTalent, no que se deberá achegar a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores/as responsables dos estudantes. Neste espazo, ademais, docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poden atopar toda a documentación de referencia sobre esta actividade.

Sorteo para listaxe definitiva
Durante a terceira semana de abril celebrarase o sorteo público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas e, a partir do 16 de abril, docentes e empresas comezarán a recibir no seu enderezo electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a seguir para a participación na actividade.
Todos os detalles desta e outras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse en constante actualización na web DigiTalent.

Plan DigiTalent


Tecnólog@ por un día forma parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso  da inclusión, capacitación e talento dixital galego que, a través do seu terceiro eixe estratéxico, canaliza iniciativas dirixidas a fomentar as vocacións dende idades temperás e o talento dixital avanzado en Galicia.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar as vocacións STEAM, mellorar a súa perspectiva sobre os perfís dixitais e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións científico-tecnolóxicas.