Volver ao contido

Notas de prensa

A Conta Xeral ratifica que en 2021 Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

A Conta Xeral ratifica que en 2021 Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

  • A Comunidade galega rematou o exercicio cun déficit do 0,15% do PIB, cumprindo co obxectivo recollido no orzamento
  • Galicia pechou o ano cunha taxa de endebedamento do 18,5% sobre o PIB
  • Volveu a reducir a súa ratio de débeda/PIB, sendo a 3ª Comunidade de réxime común con menor ratio de débeda 
  • En 2021 a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto non financeiro por riba do 95%, que superou o 105% nos gastos correntes
  • O aforro bruto acadou os 864 millóns de euros e axudou a que Galicia fose a  comunidade que dedicou máis recursos a investimentos

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2021, que mostra que Galicia cumpriu os obxectivos de déficit e de débeda pública recollido no seu orzamento, a pesar na que a pesar da situación excepcional na que vivimos derivada da pandemia, coas regras fiscais suspendidas. O Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,15% do PIB e cunha taxa de endebedamento do 18,5%. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, presentou hoxe no Consello da Xunta esta Conta Xeral, na que se indica que o resultado de Galicia en termos de contabilidade nacional cumpre co obxectivo fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para todas as administracións autonómicas.

Ademais, na Conta Xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que liderou o tempo de pago a provedores. En concreto, durante o 2021 o período medio de pago de Galicia foi de 15 días, fronte aos 25 de media das comunidades autónomas, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas case na metade de tempo que o conxunto das comunidades.

Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.

A Conta Xeral mostra que en 2021 a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 95,2%, un indicador aínda maior -do 105,8%- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais. 

A Conta Xeral de 2021 tamén reflicte que Galicia acadou un aforro bruto de 864 millóns de euros, que permitiu incrementar o grao de investimentos da Comunidade Autónoma sen recorrer ao endebedamento.

O máximo esforzo investidor
Galicia foi en 2021 a comunidade autónoma líder en investimentos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, Galicia foi o pasado ano a  comunidade con maior esforzo investidor –un 21,6% do gasto non financeiro-, fronte ao 11,6% de media autonómico. 

Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor.