Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia Tributaria de Galicia anula débedas residuais en período executivo por ter un importe inferior a tres euros

A Axencia Tributaria de Galicia anula débedas residuais en período executivo por ter un importe inferior a tres euros

  • Así se desprende dunha resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG)
  • A anulación de débedas residuais evita recadacións que ocasionan perdas para a facenda pública
  • Afecta a 1.016 débedas dun importe medio de 0,99 euros

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar por un importe inferior aos tres euros. 

A anulación de débedas residuais realízana de xeito periódico todas as administracións tributarias. O seu obxectivo é evitar actuacións recadatorias que supoñen unha perda para a facenda pública, xa que nestas liquidacións xéranse uns custos superiores aos recursos que potencialmente se puidesen obter coas mesmas.

As actuacións previstas na resolución publicada hoxe no DOG efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente inferior á referida cantidade a 31 de decembro de 2021. Neste caso, suporá a anulación de 1.016 débedas que suman un total de 1.006,93 euros, é dicir, un importe medio de 0,99 euros por cada débeda anulada.