Volver ao contido

Notas de prensa

25 concellos adheríronse xa ao protocolo asinado entre a Xunta e a FEGAMP para universalizar o acceso aos servizos bancarios e financeiros

25 concellos adheríronse xa ao protocolo asinado entre a Xunta e a FEGAMP para universalizar o acceso aos servizos bancarios e financeiros

  • Ademais de dispoñer dun caixeiro no seu municipio, os veciños destes concellos tamén poderán contar con servizos de asistencia financeira e de formación
  • O obxectivo da Xunta é impulsar a colaboración das entidades financeiras que operan en Galicia para evitar a exclusión financeira
  • Estes concellos non terán que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación do servizo

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021.- Un total de 25 concellos adheríronse xa ao protocolo de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para facilitar e universalizar o acceso aos servizos bancarios e financeiros nos concellos galegos do ámbito rural, segundo se desprende dun informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez.

Os concellos que xa solicitaron a súa adhesión son: Aranga, Vilasantar, Dumbría, Lousame, Paderne, Cabanas e Dodro na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín e Samos na provincia de Lugo; e os concellos de Carballeda de Avia, Larouco, Vilar de Santos, Arnoia, Petín, Xunqueira de Ambía, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Porqueira, Os Blancos, A Teixeira, A Peroxa, Melón e Oimbra na provincia de Ourense.

O obxectivo da Xunta é impulsar a colaboración das entidades financeiras que operan en Galicia para promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos bancarios e financeiros e evitar a exclusión financeira.

A iniciativa consiste na instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e a oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Os concellos interesados en formar parte desta iniciativa deben adherirse ao protocolo asinado entre o Goberno galego e a FEGAMP e asinar os correspondentes convenios de colaboración coa Xunta de Galicia. Estes municipios non terán que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

Estas medidas  de universalización desenvolveranse a través da concesión dun incentivo a unha entidade financeira -que se elixirá mediante convocatoria pública- para que preste os servizos bancarios básicos naqueles concellos galegos do ámbito rural que se adhiran voluntariamente ao protocolo de colaboración.

Para desenvolver estas actuacións, a Consellería de Facenda e Administración Pública abriu en febreiro un período de información pública para dar a coñecer as bases que rexerán as subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios no ámbito rural e neste momento estanse a analizar as alegacións presentadas.