Valeriano Martínez subliña que o Plan de mellora da calidade dos servizos públicos promove a transparencia, a participación cidadá e a simplificación administrativa
- Explicou que este Plan incide nunha Administración máis aberta, máis áxil e máis próxima aos cidadáns
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou nun webinario dirixido aos empregados públicos celebrado no marco da semana do Goberno Aberto
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.- O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez subliñou hoxe que o Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos públicos da Xunta promove a transparencia, a participación cidadá, a cultura da calidade e a simplificación administrativa.
Valeriano Martínez participou nun webinario dirixido aos empregados públicos que se celebrou esta mañá no marco da semana do Goberno Aberto onde explicou que este Plan responde a unha análise transversal de todos os aspectos que inciden nunha administración aberta, máis áxil, máis próxima aos cidadáns e que facilita o acceso á información co fin de mellorar a eficiencia da prestación dos servizos públicos á poboación.
Durante a súa intervención, o conselleiro puxo en valor a importancia de difundir os valores do Goberno Aberto a través dunha cultura de gobernanza que promova os principios de transparencia, rendición de contas e de participación cidadá en apoio da democracia e do crecemento inclusivo.
Ademais, explicou que Galicia asumiu os principios inspiradores do Goberno Aberto con compromisos en diversos ámbitos como son a aprobación de instrumentos de xestión e avaliación de políticas e servizos públicos; na atención aos cidadáns; na administración áxil e na participación e tamén no eido da transparencia e da accesibilidade dos contidos a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto.
Semana do Goberno Aberto
A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, vén de organizar a semana do Goberno Aberto con xornadas de participación social destinadas a divulgar a actividade da Administración entre distintos colectivos, desde os máis novos ata os máis maiores, sen esquecer ás persoas con discapacidade, ao alumnado universitario ou aos propios empregados públicos.
Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, fortalecer a gobernanza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.