Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos destaca a rebaixa na tributación do contrato vitalicio para axudar aos que precisan de coidados

Miguel Corgos destaca a rebaixa na tributación do contrato vitalicio para axudar aos que precisan de coidados

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou as II Xornadas Tributarias de actualización dos criterios de actuación no ámbito tributario autonómico
  • O obxectivo das xornadas formativas que se celebran na EGAP ata o venres é avanzar nunha mellor aplicación do sistema tributario nas distintas administracións

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a rebaixa na tributación do contrato vitalicio para as persoas que cedan un ben aos seus coidadores. Así, o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) redúcese á metade, do 8% ao 4%, no Imposto de Doazóns (ID) tributan como se foran parentes próximos, cunha rebaixa que pode chegar ao 50%, e ademais eliminouse a tributación da garantía de reintegro no Imposto de Actos Xurídicos Documentados (IAXD).

Miguel Corgos puxo tamén en valor a inclusión dun novo colectivo prioritario as familias monoparentais que, mediante a Lei de Medidas deste ano, teñen unha redución na adquisición da súa vivenda habitual do imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) desde o 3% ata a súa eliminación en zonas pouco poboadas.

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) organiza por segundo ano consecutivo unhas xornadas sobre impostos autonómicos na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) que teñen como obxectivo avanzar nunha mellor aplicación do sistema tributario nas distintas administracións. O foro naceu o ano pasado con vocación de continuidade e procura o intercambio de coñecementos, a análise e a coordinación como claves para aplicar un sistema tributario máis xusto e eficiente.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública foi o encargado de inaugurar as xornadas e dar a benvida aos participantes, entre os que este ano están persoas empregadas públicas das administracións autonómicas doutras CC.AA.,  e aproveitou para lembrar, en plena campaña do IRPF, que a Atriga en colaboración coa AEAT facilita o apoio aos contribuíntes para axudarlles a cumprir coas súas obrigas. 

Miguel Corgos incidiu en que as rebaixas aprobadas nos últimos anos permiten que os contribuíntes galegos, de media, paguen case 500 euros menos no IRPF en relación ao que aboaban no ano 2009.