Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos anuncia a Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2024 con 600 novas prazas de acceso libre

Miguel Corgos anuncia a Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2024 con 600 novas prazas de acceso libre

  • A modernización da Administración pública e o relevo xeracional están entre as prioridades do Goberno galego o vindeiro ano
  • As contas de 2025 ascenden a 13.954M€ e tres de cada catro euros irán para sanidade, educación e política social
  • Galicia contará cun paquete de medidas fiscais para reforzar a aposta da Xunta pola vivenda, cuxo orzamento medra ata os 221 M€
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública interveu no Debate de Totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para 2025

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, anunciou que antes de finais deste ano se aprobará a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración xeral para 2024 con case 600 (593) novas prazas de emprego público de acceso libre.
 
Así o expuxo hoxe no Parlamento durante a súa intervención no Debate de Totalidade dos Orzamentos para 2025 onde explicou que a modernización da Administración pública e o relevo xeracional están entre as prioridades do Goberno galego, para prestar un mellor servizo á cidadanía, con empregados públicos que dean resposta aos retos do século XXI.

Miguel Corgos afirmou que os Orzamentos 2025 están elaborados con rigor e prudencia, aproveitando a estabilidade institucional da que goza Galicia para achegar certezas a familias e empresas da comunidade. Destacou, así mesmo, que a boa evolución da economía galega encadea xa cinco anos de crecemento, ao igual que pasa coa do mercado laboral, polo que se agarda que no 2025 se acade tamén un lustro creando emprego.  

Reforzo e modernización dos servizos públicos
Os recursos orzamentarios de 2025 reforzan o gasto social, para o que se destina a sanidade, educación e política social unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 M€ - ata alcanzar os 10.267 - o que supón que tres de cada catro euros das contas de 2025 reforzarán e modernizarán os servizos públicos, para coidar das persoas, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano. 

Así, as contas de 2025 contemplan 5.434 M€ para a sanidade pública, o que permitirá seguir co reforzo e estabilización do persoal, para favorecer unha mellor calidade do servizo, apostarase pola innovación asistencial con novo equipamento e tratamentos como os medicamentos avanzados CAR-T e o Centro de Protonterapia, que será o primeiro de España en entrar en funcionamento. Continuarase, ademais, coa modernización e ampliación dos grandes centros hospitalarios da Comunidade autónoma (CHUAC, Arquitecto Marcide de Ferrol, Plan Director de Ourense e remate do Gran Montecelo de Pontevedra) e na rede de centros de primaria.

A partida para as diferentes políticas educativas acada os 2.972M€ que van consolidar o financiamento da gratuidade da educación universitaria, aplicando o Plan de Financiamento do sistema universitario, que medra en 24 M€, e cun Plan de mellora das infraestruturas educativas para que as aulas e os centros de FP conten coa mellor tecnoloxía docente.

En política social refórzanse os servizos de dependencia e ofreceranse novas prazas residenciais, ademais de mellorar o financiamento do Sistema de Atención no Fogar (SAF) e de crear novas prazas de atención a persoas con discapacidade.

Medidas fiscais para vivenda
O conselleiro de Facenda puxo de manifesto que, para reforzar a aposta da Xunta pola vivenda, tomaranse medidas fiscais, como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. 

Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios. Estas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP e 4% en zonas pouco poboadas). 

Tamén se amplía o ámbito de aplicación do ITP e o AXD para o IGVS e as sociedades públicas autonómicas, para rebaixar o custe de promover vivenda pública.

Por outra banda estas medidas ampliaranse no trámite parlamentario cunha dedución no IRPF, de 500 euros polo arrendamento de vivendas baleiras, así como un 15% máis para os gastos de rehabilitación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, por un importe máximo de 3.000 euros ao ano, durante tres exercicios. Os inmobles teñen que levar, polo menos, 1 ano baleiros; que estea arrendado nun prazo máximo de 6 meses dende a data de finalización da obra e que o valor do inmoble non supere os 250.000€.  

A vivenda como prioridade
Pero ademais das medidas fiscais, as contas de 2025 contemplan un orzamento total de  221 M€ para vivenda, dos cales 126 M€ irán para a compra de solo residencial e construción de vivendas públicas, unha cifra que triplica a dos presentes orzamentos e coa que se quere empezar a cumprir co compromiso de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles e facilitar o acceso á vivenda da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables. 

Un dos colectivos prioritarios é o dos mozos, que terán reservado ata o 25% das vivendas á venda e o 40% das de aluguer. Ademais, contémplase un Plan de choque para axilizar tramitacións e facilitar a incorporación ao mercado de novas vivendas.

Miguel Corgos concluíu que os Orzamentos 2025 contan con máis recursos ca nunca, para cimentar o futuro da comunidade galega, investindo nas persoas, nas empresas e no medio ambiente. 

As contas para o vindeiro ano consolidan o crecemento económico, reforzan e modernizan os servizos públicos, impulsan a vivenda, favorecen o emprego e apoian a mellora da competitividade das empresas galegas. Van permitir, ademais, contribuír á senda de plena converxencia deseñada no Plan Estratéxico de Galicia 2030 do que se vai facer balance ao estarse achegando ao seu ecuador no 2025.