Os Orzamentos da Xunta para 2020 superan a barreira dos 10.000 millóns de euros e inclúen novas rebaixas de impostos, máis investimentos e o maior gasto social da historia
- As contas medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 máis que neste ano
- A Xunta aproba rebaixar o imposto pola compra dunha vivenda no 94% do territorio, polo que o rural galego terá a menor tributación de toda España, e volve reducir o de sucesións, do que quedarán exentos o 99,9% dos galegos
- Apróbase tamén unha ‘dedución verde' de ata 1.500 euros no IRPF para fomentar as melloras de eficiencia enerxética en vivendas particulares
- O gasto social aumenta en 275 millóns para reforzar o gasto na sanidade, no ensino e na política social, o que permitirá afrontar a gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida
- O capítulo de investimentos volve medrar e acada os 1.691 millóns co obxectivo de que Galicia siga sendo en 2020 a comunidade autónoma líder en gasto per cápita
- As contas incorporan unha dotación de 82 millóns de euros para o Xacobeo, o que permitirá afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo
- O único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda, no que se deixan de gastar 22 millóns, cun aforro acumulado de 200 millóns desde 2014
- A Xunta inclúe o crédito necesario para subir ata un 2,2% o salario dos empregados públicos, que se aplicará cando o Goberno dicte a norma habilitante
- Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos
O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2020, unhas contas que superan a barreira dos 10.000 millóns de euros por primeira vez en dez anos, e que inclúen novas rebaixas de impostos de ámbito autonómico, un forte reforzo do gasto social –que acada a maior cifra da súa historia- e un incremento do capítulo de investimentos.
Os Orzamentos de Galicia para o vindeiro exercicio medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que neste ano e 1.400 millóns máis que en 2016. Deste xeito, o Goberno galego volve esgotar o límite de gasto aprobado polo Parlamento a semana pasada, toda vez que os 11 millóns restantes se corresponden co impacto das novas baixadas de impostos que se aplicarán en 2020.
Sobre as rebaixas fiscais, en primeiro lugar, a Xunta aprobou rebaixar o imposto pola compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, que se corresponde coas zonas pouco poboadas de Galicia. Para iso, redúcese o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas zonas.
Ademais, a Xunta aproba que todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro –sen contar a vivenda habitual- queden libres de tributación. Isto permitirá que o 99,9% dos galegos non teñan que pagar o Imposto sobre Sucesións cando reciben unha herdanza dun familiar directo. Neste imposto tamén se amplía o acceso ás reducións xa existentes para favorecer a sucesión das empresas que permanecen dentro do ámbito familiar.
O Goberno galego tamén incorpora unha novidosa ‘dedución verde' no IRPF que permitirá bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética. En total, calquera particular poderá bonificarse ata 1.350 euros, máis 150 euros para cubrir os custes da emisión do certificado de eficiencia enerxética.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e deste xeito poñeranse en marcha en 2020 medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Con este incremento, o gasto social da Xunta terá aumentado en 1.119 millóns de euros na actual lexislatura.
O proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta tamén inclúe un incremento do capítulo de investimentos, que volve medrar –sube un 2,4%- e acada os 1.691 millóns de euros co obxectivo de que Galicia siga sendo no ano 2020 a comunidade autónoma líder en investimento per cápita.
O Xacobeo
Nas partidas de gasto tamén destaca o incremento do gasto en innovación –que aumenta ata os 100 millóns de euros- e a dotación para o Xacobeo. En concreto, o Goberno galego destina 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo.
Pola contra, o único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda, no que se aforran 22 millóns grazas á política de control do endebedamento que vén realizando a Xunta, xa que Galicia é a comunidade que menos aumentou a súa débeda nos últimos dez anos. En total, o aforro acumulado en gastos financeiros desde o ano 2014 ascende a 200 millóns, recursos que en 2020 se destinarán a reforzar o gasto social e os investimentos.
Ademais, o Goberno galego inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos, unha suba que se aplicará cando o Goberno central dicte a norma habilitante. En todo caso, esta medida beneficiará a uns 100.000 empregados que dependen da Administración autonómica.
40 anos de orzamentos
Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos. Hai que ter en conta que o primeiro orzamento da Comunidade Autónoma foi aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia en 1981, ano no que tamén foi aprobado o Estatuto de Autonomía de Galicia.