A Xunta presenta a empresarios e sindicatos o plan de reactivación e dinamización, dotado con máis de 3.000 millóns para relanzar a actividade económica e os servizos públicos
- O conselleiro de Facenda e o de Economía, Emprego e Industria reuníronse hoxe con representantes da CEG e das centrais sindicais
- Acordan destinar 5 millóns de euros a programas para favorecer a implantación do teletraballo e que pemes e autónomos poidan así adaptar as súas infraestruturas tecnolóxicas e ampliar as capacidades dos seus empregados para poder traballar a distancia
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia presentoulle hoxe a responsables da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos UGT e CC.OO. o Plan de Reactivación e Dinamización de 2020, dotado con máis de 3.000 millóns de euros e que ten como obxectivo recuperar a actividade económica de Galicia, xerar emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos. Foi nunha reunión da Mesa de Diálogo Social na que participaron o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Durante o encontro, os titulares de Facenda e de Economía explicáronlle a patronal e organizacións sindicais que a meirande parte da dotación deste plan (1.741 millóns) procederá de recursos públicos que achegará a Xunta. Estes recursos supoñen a armazón financeira de que dispón Galicia para facer viables todos os proxectos sectoriais prioritarios, que desenvolve cada departamento autonómico.
En todo caso, o conselleiro de Facenda destacou que os recursos públicos que activará a Administración autonómica permitirán mobilizar outros 1.302 millóns do sector privado, sobre todo na parte da dinamización económica.
Impulso á implantación do teletraballo para pemes e autónomos
Na reunión, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou os 5 millóns que este plan destina a axudas para impulsar o teletraballo, co obxectivo de que as pemes e os autónomos teñan a oportunidade de adaptar as súas infraestruturas tecnolóxicas así como ampliar as capacidades dos seus empresarios para poder traballar a distancia, unha medida que foi apoiada polos integrantes da Mesa de Diálogo Social.
Tal e como explicou, é necesario promover medidas como o teletraballo para estar preparados ante a nova era tecnolóxica, onde a dixitalización xoga un papel fundamental no desenvolvemento da actividade empresarial e das relacións laborais. "A dixitalización será unha das principais ferramentas do novo contexto laboral", subliñou Conde, que engadiu que este apoio ao teletraballo dá resposta a unha demanda real como é a necesaria protocolización da volta á normalidade nas empresas e a adopción de medidas organizativas que incentiven o desenvolvemento de plans de formación en novas tecnoloxías.