Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Galicia reduce as fendas dixitais cun incremento de máis dun 30 % nos maiores que se conectan á rede e un uso de internet no rural que supera o 90 %

Galicia reduce as fendas dixitais cun incremento de máis dun 30 % nos maiores que se conectan á rede e un uso de internet no rural que supera o 90 %

  • O uso de tecnoloxías dixitais creceu entre 2021 e 2024 un 12,3 % nas persoas de entre 55 e 64 anos, e un 32 % nas persoas de entre 65 e 75 anos
  • A porcentaxe de mulleres que usan internet en Galicia segue a superar á dos homes: 94,3 % fronte ao 93,5 %

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2025.- Máis do 90 % dos fogares de Galicia en poboacións de menos de 5.000 habitantes dispoñen xa de servizos de internet contratados, un 11,6 % máis que en 2021. No caso dos municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 93,2 %. As poboacións de máis de 10.000 habitantes superan en todos os casos o 96 %. A práctica totalidade dos fogares con estudantes (99,9 %) dispoñen de internet, segundo os datos da Memoria Anual do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), presentada recentemente.

O 74,8 % das persoas de entre 65 e 74 anos declararon en 2024 que utilizan internet, o que supón un incremento do 32 % con respecto aos datos de 2021. Tamén foi moi significativo o crecemento no tramo entre os 55 e os 64 anos, que foi dun 12,3 % ata chegar ao 93,2 %. No resto de idades, a porcentaxe supera en todos os casos o 98 %, e é dun 99,7 % entre as persas de entre 16 e 24 anos.

Nos concellos de menos de 5.000 habitantes, internet utilízase principalmente para buscar información sobre bens ou servizos (90,4 %); para facer chamadas telefónicas ou vídeo conferencias (89,9 %); para ler novas (81,7 %); para a banca electrónica (77,9 %); ou para concertar citas médicas (64,6 %).

Pola súa parte, as persoas maiores de 65 anos utilizan principalmente internet para facer chamadas ou vídeo chamadas (86,9 %); para buscar información sobre bens ou servizos (79,1 %); para ler novas (74,5 %); para a banca electrónica (61,7 %); ou para concertar citas médicas (53 %).

Reducir as fendas provocadas polo envellecemento da poboación e o carácter rural da rexión son obxectivos prioritarios do proceso de modernización tecnolóxica de Galicia. En ambos casos, o OSIMGA realiza estudos periódicos para analizar a evolución no uso de internet que mostran unha tendencia clara á superación das diferenzas.

No caso da fenda de xénero, en Galicia, a porcentaxe de mulleres que utilizan internet (94,3 %), supera á dos homes (93,5 %).