Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Corgos destaca o papel do Consello Galego de Intelixencia Artificial para o asesoramento e impulso desta tecnoloxía en Galicia

Corgos destaca o papel do Consello Galego de Intelixencia Artificial para o asesoramento e impulso desta tecnoloxía en Galicia

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel do Consello Galego de IA para o asesoramento e impulso desta tecnoloxía en Galicia polo seu carácter de máximo órgano colexiado de participación pública, privada e do coñecemento. O conselleiro animou ás persoas que integran o Consello a aportar melloras na planificación, xestión e avaliación das políticas públicas en materia de IA.

Durante o acto de constitución do Consello, celebrado hoxe na Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, Corgos afirmou que este novo organismo axudará á Administración autonómica a desenvolver unha IA adaptada ás necesidades específicas de Galicia, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas, o respecto aos seus dereitos fundamentais e a creación de riqueza e emprego.

Este asesoramento estratéxico permitirá reforzar o obxectivo de desenvolver e aplicar a IA con eficacia e seguridade para as persoas. Miguel Corgos incidiu en que, coa axuda e o asesoramento deste Consello, xunto coa lei de IA aprobada fai un mes no Parlamento, Galicia fortalecerá a súa administración cuns servizos públicos máis áxiles, personalizados, accesibles e seguros. 

Nesta liña, destacou tamén o papel do Consello na identificación de posibles barreiras e desafíos no deseño de sistemas de IA.

Ao longo da súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública recordou que este compromiso da Xunta polas novas tecnoloxías non é novo, como proba a creación en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; ou a posta en marcha das primeiras axendas dixitais (2010-2014 e 2015-2020) para sentar as bases para o desenvolvemento tecnolóxico e que continúan coa da Estratexia Galicia Dixital 2030  e coa Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, unha das tres primeiras a nivel estatal.

“E, agora, na segunda metade desta década, Galicia xa está en condicións de adoptar as tecnoloxías de alto impacto, como o é a intelixencia artificial, para adaptala ás necesidades específicas da nosa terra”, abundou, lembrando  o éxito colectivo de que fose a comunidade elixida para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

Así mesmo, destacou que nesa aposta por favorecer a modernización tecnolóxica, Galicia dará un paso máis coa posta en marcha o vindeiro ano do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, en Ourense.

“Todo iso acompañado dun desenvolvemento dun sector TIC competitivo e capaz de dar resposta aos desafíos de Galicia”, dixo, subliñando que, na actualidade, este ecosistema suma máis de 3.100 empresas que concentran uns 23.000 traballadores, o que supón o 2,6% do PIB e unha facturación de case 3.700 millóns de euros.