Corgos destaca o labor dos colexios profesionais para facer unha Galicia cada vez máis grande, con mellores prácticas profesionais e con máis emprego de calidade

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública asistiu á entrega dos premios á Excelencia Profesional e ao Compromiso Social da Unión Profesional de Galicia
- Felicitou a todos os premiados e, de maneira especial, a Antonio Macho Senra polo seu traballo e implicación para que a Unión Profesional de Galicia non deixase de medrar ata converterse hoxe en día nun referente
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o labor dos colexios profesionais para facer unha Galicia cada vez máis grande, con mellores prácticas profesionais, con máis emprego de calidade.
Durante a entrega dos premios á Excelencia Profesional e ao Compromiso Social da Unión Profesional de Galicia, Corgos reafirmou o apoio da Xunta a esta asociación que representa os intereses de 44 colexios profesionais e que agrupa a 80.000 asociados. “Por parte do Goberno galego ides atopar sempre a máxima colaboración, intentando favorecer as mellores condicións para que todos os sectores e todos os profesionais poidades desenvolver nesta terra a vosa actividade e poidades facelo, cada vez, con maiores facilidades”, aseverou.
Así mesmo, o conselleiro de Facenda agradeceu as reflexións aportadas sobre os distintos temas abordados ao longo desta xornada, destacando especialmente as referidas á intelixencia artificial.
Nesta liña, recordou que Galicia é a primeira rexión europea en ter xa en vigor unha lei que desenvolve todo o relacionado con esta nova ferramenta. Unha norma que ten o potencial de transformar a Comunidade e situala á vangarda da innovación tecnolóxica, “e coa que traballaredes cada vez máis e mellor en todas as vosas actividades profesionais”, resaltou.
Miguel Corgos concluíu felicitando a todos os premiados e, de maneira especial, a Antonio Macho Senra, ex presidente desta asociación, galardoado coa Distinción 2025. O conselleiro destacou o seu traballo e implicación para que a Unión Profesional de Galicia non deixase de medrar ata converterse hoxe en día nun referente.