A Xunta ten adxudicado xa o 94 % do importe de Fondos MRR publicado en convocatorias e licitacións e o 85 % do ingresado
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR correspondente ao segundo trimestre de 2025
- Máis de 46.500 persoas, máis de 8.500 autónomos e máis de 6.000 entidades e sociedades estanse a beneficiar destes fondos
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025.- A Xunta de Galicia acada os 1.369 millóns de euros adxudicados dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que lle foron asignados, o cal representa o 94% do importe publicado en convocatorias e licitacións e o 85% do ingresado. Así se reflicte no informe que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia correspondente ao segundo trimestre de 2025.
Segundo explicou Miguel Corgos no Consello, os ingresos recibidos que a Xunta ten a disposición para a execución do MRR ascenden a 1.631 M€, en ámbitos como a transición verde e transformación dixital, industria, comercio e turismo, protección social e educación ou ciencia e saúde.
O informe presentado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública repasa tamén o estado de execución dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica, que son deseñados, planificados e xestionados polo Goberno do Estado. Existen, na actualidade, 12 PERTEs aprobados con financiamento de fondos MRR, que contan cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron 18.497 M€ (45%).
A dotación dos PERTEs supón o 25% dos recursos totais do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, incluíndo os recursos adicionais da addenda de 2023. Porén, a participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTEs é do 5,6% do asignado en toda España (1.033 M€). En canto a esta xestión centralizada puxo como exemplo o PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, onde a Comunidade galega só recibiu o 3% dos fondos asignados, a pesar da importancia da produción que representa Galicia fronte ao resto de territorios do Estado.
En canto ao impacto da execución da Xunta de Galicia a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia na sociedade galega, ata finais do segundo trimestre de 2025, máis de 46.500 persoas físicas, máis de 8.500 autónomos e máis de 6.000 entidades e sociedades estanse a beneficiar dos fondos xestionados polo Goberno galego.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública recordou que o prazo de execución dos fondos MRR finaliza no ano 2026, tal e como ven de confirmar a Comisión Europea.