Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta porá en marcha un laboratorio e centro demostrador en ciberseguridade no futuro edificio do CECIGA en Ourense

A Xunta porá en marcha un laboratorio e centro demostrador en ciberseguridade no futuro edificio do CECIGA en Ourense

  • O Consello de Goberno avaliou hoxe o informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública  para dotar de equipamento e servizos a este espazo 
  • Entre as funcións do laboratorio están a prestación de servizos avanzados en ciberseguridade, apoiar  o cumprimento normativo, realizar probas de produtos e servizos, impulsar a creación de solucións innovadoras e a formación especializada 
  • Actuará como coordinador da rede de laboratorios sectoriais impulsados pola Xunta en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico de Automoción e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións
  • Esta rede enmárcase no proxecto RETECH no que participan Galicia, Cataluña e a Comunidade Valenciana para crear un Centro transrexional de Innovación e Competencia no ámbito da ciberseguridade 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025.- O Consello do Goberno galego avaliou hoxe o informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública para dotar de equipamento e servizos ao laboratorio e centro demostrador en ciberseguridade do Centro de Excelencia en Ciberseguridade (CECIGA) en Ourense. Os obxectivos principais deste laboratorio son a prestación de servizos avanzados en ciberseguridade, apoiar o cumprimento normativo, realizar validacións de ciberseguridade de produtos e servizos, potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras e formar a profesionais en temas de seguridade dixital. 

O contrato, que se licitará nos vindeiros días, permitirá que o laboratorio conte con dous espazos especializados. O primeiro estará destinado á implantación dun  laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade no ámbito dos produtos con elementos dixitais cunha carteira de servizos específica, e o segundo, albergará un laboratorio e centro demostrador especializado na ciberseguridade industrial coa súa propia carteira de servizos.

Con esta nova infraestrutura Galicia dará un novo paso na loita contra a ciberdelincuencia. En 2023 foron máis de 21.000 os ciberataques denunciados na Comunidade.

O laboratorio, que se instalará inicialmente na Cidade da Cultura mentres remata a construción do CECIGA, actuará tamén como coordinador da rede de laboratorios sectoriais e centros demostradores sobre ciberseguridade en aspectos relacionados co transporte intelixente, co espazo aéreo de vehículos non tripulados, e coas tecnoloxías 5G e 6G,  na que participan  o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo (UVIgo), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). 

O ITG vai encargarse do deseño e fabricación dun laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade do espazo aéreo de vehículos non tripulados (UAS) e do desenvolvemento de software para a detección de ciberameazas, caracterización e auditoría de ciberseguridade do espazo aéreo próximo e para simulación de ameazas.
 
A Universidade de Vigo creará un laboratorio de seguridade, privacidade e confianza en 5G/6G, con diferentes iniciativas no ámbito da ciberseguridade nas comunicacións necesarias no transporte intelixente.
 
O CTAG porá en marcha un laboratorio centrado na ciberseguridade no ámbito da automoción, despregando as capacidades necesarias para a súa validación no vehículo autónomo e conectado.
 
Gradiant abordará a creación dun laboratorio especializado en validar os diferentes compoñentes dunha rede 5G e avaliará aspectos de ciberseguridade asociados a aplicacións e servizos no ámbito do transporte intelixente. Abordará tamén a posta en marcha dun laboratorio de ciberseguridade industrial.

Esta rede de laboratorios forma parte do proxecto para a creación dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade, no que, ademais de Galicia, participan Cataluña e a Comunidade Valenciana. Trátase dunha das iniciativas do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech). Este proxecto Retech en materia de ciberseguridade ten un orzamento de 58 millóns de euros, dos que cerca de 19 millóns corresponden a Galicia. Está financiado nun 75% a través do Retech e o 25% restante é aportado polas CC AA.

RETECH é unha iniciativa lanzada con financiamento de fondos europeos Next Generation EU.