A Xunta licita o servizo de administración dos centros de procesos de datos, que garanten o funcionamento dos servizos dixitais do sector público autonómico

- O Consello do Goberno autorizou hoxe a contratación do servizo de soporte e administración dos sistemas que albergan os CPDs e que xestionan as preto de 3.000 aplicacións da Administración autonómica
- O contrato inclúe a planificación, análise, deseño, supervisión e monitorización dos sistemas informáticos e a xestión integral dos elementos de hardware e software
- Establece un servizo de 24 horas os sete días da semana e unha resolución dos incidentes prioritarios en menos de 6 horas
O Consello de Goberno de Galicia autorizou hoxe a contratación do servizo de soporte e administración dos sistemas dos Centros de Procesos de Datos da Xunta (CPDs), que xestionan as preto de 3.000 aplicacións da administración autonómica, dan servizo a máis de 2.700 centros administrativos, a arredor de 118.000 empregados públicos e a toda a cidadanía galega. O contrato licitarase nos vindeiros días cun orzamento de 7,17 millóns de euros (IVE incluído) para os anos 2026 e 2027 e cun valor estimado de 14 millóns de euros, que contempla prórrogas por un pazo igual ou inferior aos 24 meses e as posibles modificacións.
O servizo contratado inclúe a planificación, deseño, implantación, xestión e optimización dos procesos de explotación e evolución das infraestruturas e plataformas que albergan os CPDs, ademais da monitorización e análise de rendemento e produtividade destes servizos.
O equipo de administradores ocuparase tamén da instalación, actualización, configuración e parametrización de elementos software e hardware dos sistemas informáticos así como das copias de seguridade, da xestión dos incidentes e das peticións de servizo.
O contrato establece un servizo de 24 horas os sete días da semana para garantir a dispoñibilidade duns sistemas clave para o funcionamento dos servizos dixitais da Administración autonómica. Nesta mesma liña, reduce o tempo de resposta a un incidente prioritario a cinco minutos desde a comunicación e a súa resolución a un tempo máximo de seis horas.
As funcións do equipo de administradores de sistemas abranguerán, tamén, o asesoramento técnico a nivel de arquitectura, hardware e software, a formación a persoal e o estudo de aplicación de solucións tecnolóxicas relacionadas coa operativa e as infraestruturas tecnolóxicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A complexidade de infraestruturas tecnolóxicas de sistemas fai indispensable complementar os recursos propios destinados á administración de sistemas. O contrato permitirá a súa xestión con horarios estendidos e recursos especializados para poder dar cobertura á ampla franxa horaria na que se realizan os despregues de aplicacións e outras tarefas de administración de sistemas.