A Xunta lanza un programa gratuíto de capacitación en competencias dixitais
- O obxectivo é impulsar a alfabetización dixital de máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos ata 2025
- O curso, 100% online, ofrece unha aprendizaxe guiada con acompañamento personalizado por especialistas e formación práctica
- Servirá como base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pon en marcha Formación Dixital, un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para capacitar en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos, ata 2025.
O obxectivo do programa é impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual.
O programa ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, xa con inscricións abertas a través da web www.formaciondixital.gal. A formación ten unha duración máxima de 10 semanas, e ofrece unha aprendizaxe guiada, con contidos formativos e actividades prácticas, ademais de sesións de acompañamento e titorías personalizadas con especialistas para resolver dúbidas e dificultades. De acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais, abarca 5 eixos temáticos: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e solución de problemas da contorna dixital.
A realización da formación permite adquirir competencias dixitais para resolver situacións cotiás como realizar transaccións electrónicas ou interactuar coas administracións públicas, así como mellorar as posibilidades profesionais ou obter información de interese sobre ferramentas de ciberseguridade ou tecnoloxías emerxentes. Ademais, os participantes obterán (se superan o 80% das actividades avaliativas) un diploma de aproveitamento emitido pola Amtega.
A formación, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (Next Generation da Unión Europea) tamén servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).
Con este programa, a Xunta de Galicia busca dar resposta ao compromiso de que o 70% dos galegos e galegas teñan competencias dixitais básicas en 2025 -fronte ao 52,1% actual-, marcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.