A Xunta impulsa o talento feminino en ciberseguridade coa IV edición de Somos Cibernéticas

- Preto de 60 estudantes de 4º da ESO participarán o 6 de maio neste evento centrado na ciberseguridade
- A xornada arrancará co relatorio de Pilar Vila, CEO e cofundadora de Forensic & Security
- A conferencia poderá seguirse en streaming previa inscrición a través do portal do GaiásTech
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025 - A Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), organiza a cuarta edición de Somos Cibernéticas, un encontro deseñado para fomentar o talento feminino no eido da ciberseguridade. O evento, que se celebrará o vindeiro 6 de maio no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura, contará coa participación de preto de 60 estudantes de 4º da ESO.
O obxectivo principal da xornada é incentivar o interese das mozas no sector da ciberseguridade, explorar as súas oportunidades profesionais e contribuír á redución da fenda dixital de xénero.
A inauguración da xornada estará a cargo da Amtega, que dará paso á conferencia Rompendo códigos e barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, impartida por Pilar Vila, recoñecida experta no sector. Vila é enxeñeira informática especializada en ciberseguridade e análise forense dixital, CEO e cofundadora de Forensic & Security, e membro activo de Women4Cyber. A súa intervención abordará a súa traxectoria profesional, a importancia do papel da muller no sector e ofrecerá consellos ás novas xeracións interesadas en adentrarse neste ámbito.
A conferencia poderá seguirse en streaming a través do portal de GaiásTech previa inscrición a través do enlance: https://ciberseguridadegalicia.gal/gl/actualidade/novas/amtega-organiza-cuarta-edicion-do-evento-do-fomento-do-talento-feminino-na.
Cinco desafíos para explorar o mundo da ciberseguridade
Tras o relatorio, as persoas participantes enfrontaranse a cinco desafíos prácticos deseñados por mulleres especialistas en ciberseguridade e protección de datos.
As profesionais que guiarán estes desafíos son Olalla Rama, especialista en xestión de vulnerabilidades; Mireia Martí, especialista en seguridade ofensiva e automatización; Conchi Fernández, experta en seguridade perimetral e do posto de traballo; Jenny Correia, consultora en gobernanza, riscos e cumprimento; e Lidia Molina, avogada especializada en protección de datos e dereito dixital.
Un compromiso coa ciberseguridade e a inclusión
Esta iniciativa forma parte das actividades do Nodo CIBER.gal, un espazo de colaboración público-privada impulsado pola Xunta de Galicia para fomentar un entorno dixital seguro. A través deste tipo de eventos, búscase preparar ás novas xeracións e garantir que a ciberseguridade sexa un ámbito inclusivo e diverso.
Con esta cuarta edición de Somos Cibernéticas, a Xunta reafirma o seu compromiso coa formación e o empoderamento das mulleres nun sector clave para o futuro dixital.