Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta convocará case 1.600 prazas de emprego público entre maio e novembro deste ano

A Xunta convocará case 1.600 prazas de emprego público entre maio e novembro deste ano

  • Do total, 28 procesos corresponden a corpos/escalas de persoal funcionario, cun total de 1.258 prazas e catro a categorías de persoal laboral, cun total de 334 prazas
  • Preto do 40% das prazas convocadas de persoal funcionario son para o subgrupo C2 e un 31% para o subgrupo C1/B
  • O primeiro exercicio dos procesos realizarase entre novembro de 2025 e setembro de 2026

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025.- A Xunta de Galicia convocará case 1.600 (1.592) prazas de emprego público entre maio e novembro deste ano. Así se desprende dun informe sobre procesos selectivos presentado hoxe no Consello do Goberno galego polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Segundo o informe, estas convocatorias corresponden a 32 procesos selectivos, dos que 27 son de acceso libre e cinco de promoción interna separada. Dos procesos de acceso libre, 23 corresponden a persoal funcionario, dos cales cinco son para a Administración xeral e 18 para a Administración especial; e catro corresponden a persoal laboral. Ademais, 28 dos procesos corresponden a corpos, escalas ou especialidades de persoal funcionario, cun total de 1.258 prazas e catro a categorías de persoal laboral, cun total de 334 prazas.

Polo que respecta ás prazas, para o persoal funcionario son 291 de acceso libre para administración xeral; 245 de acceso libre para administración especial, e 722 de promoción interna. Para o persoal laboral se convocan 334 prazas de acceso libre en distintas categorías.

Entre os procesos selectivos para persoal funcionario, preto do 40% das prazas convocadas de persoal funcionario son para o subgrupo C2 e un 31% para o subgrupo C1/B. Un 10% son o subgrupo A1, un 15% para o subgrupo A2 e preto do 3% para a Agrupación profesional.

As convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia a partir do mes de maio e ata novembro.

 En maio convocaranse 357 prazas: 10 para patrón e 13 para mecánico da escala operativa do servizo de gardacostas, 7 prazas para peón/oa forestal, 71 de xefe/a de brigada e 75 de condutor/a de bombeiro/a forestal, e 181 de bombeiro/a forestal. 

En xuño sairá a convocatoria de 149 prazas: 15 prazas da escala técnica de cociña, 45 da escala auxiliar de cociña, 35 da escala de persoal subalterno, 50 da escala auxiliar de coidadores, 3 da escala de profesores/as numerarios/as, especialidade de procesos de cultivo acuícola e unha máis da escala de mestres/as de taller, especialidade de servizos ao buque. 

En setembro se convocarán 14 prazas nas especialidades de ciencias do mar (4), pesca marítima (2), bioloxía pesqueira (1), navegación marítima (4), máquinas e instalacións mariñas (2) e inglés marítimo (1). 

Entre os meses de setembro e outubro sairán as convocatorias de formación e orientación laboral (1), procesos sanitarios (1) e máquinas e produción (2).

No mes de outubro vanse convocar 657 prazas para o corpo superior de administración xeral PI (40), xestión de administración xeral PI (150), auxiliar de administración xeral PI (185) e administrativo de administración xeral PI (282).

Entre os meses de outubro e novembro vanse convocar 155 prazas máis: 75 de auxiliar de clínica, 15 de psicoloxía e 65 de PSX PI.

Por último, no mes de novembro se convocarán 258 prazas, segundo a seguinte relación: 2 de técnicos estatísticos, 59 do corpo superior de administración xeral, 40 de xestión de administración xeral, 74 do corpo administrativo de administración xeral e 83 do corpo auxiliar de administración xeral.

Calendario de exames
O primeiro exercicio dos procesos comezará en novembro de 2025 e iranse desenvolvendo ata setembro de 2026, empezando polas especialidades que se convocan antes. Así, por exemplo, os primeiros exames para patrón e mecánico de Gardacostas terán lugar o 28 de novembro e os de peón forestal e os relacionados co servizo de protección e defensa contra incendios forestais, incluídos os xefes de brigada e os condutores serán o día 14 de decembro. 

O calendario completo, tanto das convocatorias como das datas dos primeiros exercicios dos procesos, pode consultarse na seguinte ligazón:  https://www.xunta.es/dxfp/Xenericos/2025/Calendario_ps_2025.pdf.