A Xunta convoca un concurso de traslados para as escalas de informática que fará de proxecto piloto para o novo modelo de concurso aberto e permanente
- Permitirá testar a nova ferramenta informática deseñada para este fin, e, en función dos resultados obtidos, introducir os axustes técnicos necesarios antes da implantación xeral do modelo
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026.- A Xunta de Galicia convocará un concurso de traslados para as escalas de informática que fará de proxecto piloto para o novo modelo de concurso aberto e permanente.
O concurso de traslados de escalas de informática inclúe un total de 150 postos das escalas de informática aos que poderán optar as persoas destas escalas que se atopen na situación administrativa de servizo activo e leven como mínimo dous anos desempeñando un posto con carácter definitivo, ademais de persoal funcionario que, de acordo coa normativa aplicable, estea nunha situación administrativa distinta da anterior que permita a participación nun concurso de traslados.
O DOG publica hoxe a resolución pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo da escala superior de sistemas e tecnoloxías da información; corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260529/AnuncioG0597-250526-0005_gl.html
A tramitación deste concurso funcionará como experiencia piloto do novo modelo de concurso aberto e permanente. Así, permitirá testar a nova ferramenta informática deseñada para este fin, e, en función dos resultados obtidos, introducir os axustes técnicos necesarios antes da implantación xeral do modelo.
A través deste proxecto piloto, a Administración autonómica poderá validar un sistema que permitirá realizar unha xestión continua, máis áxil e eficaz dos postos vacantes, superando progresivamente a lóxica de convocatorias illadas e avanzando cara a un modelo no que a mobilidade ordinaria poida artellarse de maneira continua, recorrente e previsible.
O obxectivo é que, unha vez desenvolvida esta experiencia piloto, e avaliados os seus resultados, poida convocarse un concurso aberto e permanente na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Trátase dun cambio de fondo no modelo de mobilidade do persoal funcionario. Un cambio que permitirá avanzar cara a unha xestión máis dinámica da provisión de postos, cun sistema máis adaptado ás necesidades actuais da organización administrativa e tamén ás expectativas lexítimas das persoas empregadas públicas.
Antes de convocar o concurso aberto e permanente, negociaranse coas organizacións sindicais as bases do novo modelo, polo que, nesta transformación, teranse en conta as achegas dos representantes do persoal empregado público.