A Xunta colabora con AGASOL para promover o uso do software libre no tecido empresarial galego
- O Consello do Goberno galego autorizou hoxe un acordo que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Asociación Galega de Empresas de Software libre
- Permitirá, entre outras actuacións, elaborar material didáctico sobre a importancia do software libre e os datos abertos nos sistemas de IA e a realización dunha xornada sobre a Lei europea de ciberresiliencia
A Xunta de Galicia renova o seu compromiso a prol do software libre a través dun convenio de colaboración que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AgasolL). O Consello do Goberno galego autorizou hoxe este acordo cun orzamento de 60.000 euros para o período 2024-2025.
O convenio contempla catro liñas de actuación para a promoción, capacitación e difusión do uso do software libre entre o tecido empresarial galego, fundamentalmente, pero tamén para a sociedade en xeral. Unha das actuacións previstas é a elaboración de material multimedia sobre o papel do software libre e os datos abertos nos sistemas de Intelixencia Artificial, os dereitos de autoría vinculados á IA, a regulación europea específica neste ámbito ou a capacidade de innovación na IA a través do software libre.
Ademais, a colaboración entre a Axencia e Agasol contempla a realización dunha xornada sobre a Lei de ciberresiliencia da Unión Europea e as súas implicacións para as empresas galegas; e o fomento da localización ao galego da documentación e as interfaces das ferramentas de software libre para facilitar o seu uso entre as empresas da Comunidade. O acordo tamén prevé consolidar un encontro periódico de referencia arredor do software libre.
A sinatura deste convenio enmárcase no Plan de acción de software libre, impulsado pola Axencia para a Modernización tecnolóxica desde hai máis dunha década, e que se renova cada ano en colaboración cos axentes do sector para promover o seu uso e reutilización na administración pública; impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas; e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
Este ano o plan abrangue, entre outras, actividades que van dende a tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en software libre nas Universidades. En 2023 o Plan sumou máis de 80 actividades, nas que participaron máis de 2.800 persoas