Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta colabora coas PEMES na mellora das capacidades de resposta fronte aos retos da ciberseguridade

A Xunta colabora coas PEMES na mellora das capacidades de resposta fronte aos retos da ciberseguridade

  • O  director da Amtega inaugurou esta mañá unha xornada que analiza os riscos dixitais e a mellora da protección do tecido empresarial galego
  • O encontro inclúe demostracións prácticas de ciberataques e formación sobre novas obrigas normativas
  • È unha das actividades do laboratorio transversal de ciberseguridade do proxecto de Redes de Especialización Tecnolóxica (RETECH), coordinado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE)

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026.-  O Centro GaiásTech acolle hoxe unha xornada de formación que busca reforzar as capacidades do tecido empresarial galego fronte aos retos da ciberseguridade. O encontro Blindando as PEMES: Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais da Xunta de Galicia, foi inaugurado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey.

O máximo responsable da Axencia autonómica destacou que a xornada “enmárcase na liña estratéxica da Xunta para colaborar e compartir información, coñecementos e recursos para a seguridade”. Neste sentido, Rey lembrou que en materia de ciberseguridade a Xunta de Galicia apostou dende o primeiro momento “pola creación de espazos para a colaboración con acordos co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), ou a creación do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e que mantén esa liña coa posta en marcha dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade.”

Demostracións prácticas e normativa
Durante a xornada abordaranse cuestións clave para o sector empresarial, como o incremento dos ciberataques ás organizacións e a necesidade de incorporar medidas de prevención e resposta que permitan minimizar o impacto destes incidentes. O programa incluíu demostracións prácticas de ataques reais, entre eles un exercicio de suplantación de identidade, co obxectivo de mostrar como funcionan estas ameazas e como poden ser detectadas antes de causar danos.

Ademais, expertos en seguridade dixital abordaron os principais riscos que afrontan as pemes e as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa protección. Entre os contidos tamén se analizou o impacto da nova directiva europea NIS2 e as obrigas que introduce para as empresas en materia de ciberseguridade.

A xornada enmárcase nun proxecto máis amplo impulsado pola Xunta que contempla a creación dun laboratorio transversal de ciberseguridade, formado por dúas infraestruturas complementarias. Por unha banda, un laboratorio centrado en produtos con elementos dixitais e, por outra, un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte aos riscos dixitais.

Este espazo pretende converterse nun punto de referencia para a innovación e a transferencia de coñecemento en materia de seguridade tecnolóxica, facilitando ás empresas acceso a recursos, asesoramento especializado e contornos de demostración onde probar solucións de protección.

A iniciativa ten como obxectivo fortalecer a resiliencia do tecido empresarial galego nun contexto de transformación tecnolóxica acelerada. Para iso, busca fomentar a concienciación práctica sobre os riscos dixitais, facilitar a adaptación das empresas ás novas esixencias normativas e impulsar a colaboración entre o sector público, expertos en ciberseguridade e o ecosistema empresarial galego.

A iniciativa desenvólvese no marco do programa RETECH e conta con financiamento do Plan de Recuperación e fondos NextGenerationEU, a través de INCIBE.