A Xunta ampliará o vindeiro ano os beneficios fiscais ata os 751M€ e seguirá apostando polo reequilibrio territorial en favor das provincias de Lugo e Ourense
O goberno galego presenta no Parlamento os Orzamentos 2025 que cimentan o futuro a través do investimento nas persoas, as empresas e o medio ambiente

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos e o de Medidas Fiscais e Administrativas
- As contas de 2025 ascenden a 13.954M€, as máis altas da historia
- O gasto per cápita nas provincias de Lugo (5.840€) e Ourense (5.742€) e mantense por riba do da Coruña (4.449€) e Pontevedra (4.318€)
- Galicia mellorará o tratamento fiscal para as herdanzas entre parentes, incluíndo máis familiares
- Destinan por primeira vez máis de 10.000 M€ ao gasto social, é dicir, tres de cada catro euros irán para sanidade, a educación e política social
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia ampliará no 2025 o volume de beneficios fiscais ata os 751 millóns de euros, 65,4 millóns máis que este ano, ao tempo que seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per cápita nas provincias orientais respecto das atlánticas.
Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2025, que ascende a preto dos 14.000 (13.954) millóns de euros, o máis alto da historia, e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
Son unhas contas, segundo afirmou o conselleiro, que cimentan o futuro de Galicia a través do investimentos nas persoas, as empresas, o medio ambiente e as outras Administracións Públicas.
Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta prefire deixar de ingresar para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. Ademais, esa cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, pois case o 90% (87,3%) son de carácter social.
En canto á distribución territorial, os Orzamentos da Xunta para 2025 volverán potenciar o reequilibrio territorial polo que o maior gasto por habitante se destine ás provincias orientais: Lugo onde a Xunta destinará 5.840 euros per cápita e Ourense, con 5.742 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 4.449 euros per cápita e Pontevedra 4.318 euros por habitante. En cifras absolutas, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 4.999M€ e 4.077M€, respectivamente, mentres que a provincia de Lugo recibirá 1.892 millóns, e a de Ourense, 1.749 millóns de euros.
Galicia, fiscalmente competitiva
Miguel Corgos destacou que o modelo tributario galego se caracteriza pola autonomía fiscal, a responsabilidade -que fai compatible a rebaixa da presión fiscal co reforzo dos servizos públicos- e que é sostible, xa que consolida as medidas no tempo, en función da conxuntura económica, o que fai de Galicia un territorio fiscalmente competitivo.
Os colectivos prioritarios para aplicar estes beneficios son as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas e os colectivos vulnerables, ao tempo que se favorece aos sectores estratéxicos da economía.
Así, Galicia é xa a Comunidade con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos. Nas contas de 2025 apróbase unha nova redución deste imposto para que os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras non paguen nada, e para que as herdanzas superiores paguen menos por esta redución. Con esta reforma, dous de cada tres dos herdeiros non tributarán.
O conselleiro de Facenda puxo de manifesto que, para reforzar a aposta da Xunta pola vivenda, tomaranse tamén medidas fiscais, como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios.
Estas dúas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP e 4% en zonas pouco poboadas).
Impulso á vivenda
En resposta ao compromiso efectivo do Goberno galego coa vivenda, as contas de 2025 contemplan un orzamento total de 221M€, dos cales 126 M€ irán para a compra de solo residencial e construción de vivendas públicas, unha cifra que triplica a dos presentes orzamentos e coa que se quere empezar a cumprir co compromiso de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles e facilitar o acceso á vivenda da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables.
Un dos colectivos prioritarios é o dos mozos, que terán reservado ata o 25% das vivendas á venda e o 40% das de aluguer. Ademais, contémplase un Plan de choque para axilizar tramitacións e facilitar a incorporación ao mercado de novas vivendas.
Políticas sociais
Os recursos orzamentarios de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para iso se destina a tal fin unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 M€, ata alcanzar os 10.267 millóns de euros.
Isto quere dicir que tres de cada catro euros do Orzamento se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.
Así, as contas de 2025 contemplan 5.434M€ para a sanidade pública, cos que se abundará no Centro de Protonterapia, na mellora do calendario de vacinacións, en novos cribados para mellorar a prevención de enfermidades, e en completar o Plan de Infraestruturas Sanitarias.
A partida para as diferentes políticas educativas acada os 2.972M€ que van financiar o primeiro curso coas matrículas universitarias gratuítas, o que fai de Galicia a primeira comunidade autónoma en garantir a educación de balde desde os 0 anos ata o remate dos estudos superiores. Tamén se seguirá traballando na diminución das ratios de alumnado por aula, co incremento do número de profesores ou a garantir a estabilidade no financiamento universitario.
No que se refire ás políticas sociais, cos 1.415 millóns de euros das contas de 2025 reforzarase a asistencia a maiores en centros, ampliarase o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, ademais de impulsar a escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.
O emprego contará con 446M€ que se destinarán á aplicación das novas tecnoloxías para conectar a oferta e a demanda, así como para facilitar a transición entre a formación e a incorporación ao mercado laboral. Tamén se reforzará unha Formación Profesional que ten demostrada a súa orientación ás necesidades do mundo do traballo.
En definitiva, son unhas contas con máis recursos ca nunca, que buscan cimentar o futuro da comunidade galega, investindo nas persoas, nas empresas, no medio ambiente e nas outras Administracións públicas.
Os Orzamentos 2025 consolidan o crecemento económico postpandemia, impulsan a vivenda, reforzan e modernizan os servizos públicos, favorecen o emprego e apoian a mellora da competitividade das empresas galegas. Van permitir, ademais, facer un balance do estado de cumprimento do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o que avala que o Goberno galego traballa con previsións e que segue con rigorosidade a folla de ruta marcada.