Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta aforrou aos galegos en 2025 máis de 1,5 millóns de desprazamentos a oficinas de rexistro e a entrega de máis de 20 millóns de documentos

A Xunta aforrou aos galegos en 2025 máis de 1,5 millóns de desprazamentos a oficinas de rexistro e a entrega de máis de 20 millóns de documentos

  • O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, participou na I Xornada Interautonómica de Simplificación Administrativa, organizada pola Consejería de Economía, Hacienda, Fondos Europeos y Diálogo Social da Junta de Andalucía
  • Recordou que este aforro de tempo e documentación viuse reforzado co novo Plan 2026-2027, que recolle actuacións para seguir avanzando cara á unha Administración máis áxil, máis eficiente e próxima

Sevilla (Andalucía), 11 de marzo de 2026.- A Xunta aforrou en 2025 aos galegos máis de 1,5 millóns de desprazamentos a oficinas de rexistro e a entrega de máis de 20 millóns de documentos, facilitando unha relación máis cómoda e eficiente coa Administración. 

Así o puxo de manifesto hoxe o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, na I Xornada Interautonómica de Simplificación Administrativa, organizada pola Consejería de Economía, Hacienda, Fondos Europeos y Diálogo Social da Junta de Andalucía.

Durante a súa participación na mesa redonda Claridade e simplicidade: piares dunha administración próxima, Barreiro recordou que este aforro de tempo e documentación para a cidadanía viuse reforzado coa aprobación do novo Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico da Galicia 2026-2027, que recolle de forma sistemática todas as actuacións previstas para seguir avanzando cara á unha Administración máis áxil, máis eficiente e próxima aos cidadáns.

O director xeral de Simplificación Administrativa lembrou que esta estratexia articúlase en torno a tres liñas básicas de actuación. A primeira consiste na revisión ordinaria de todas as convocatorias dirixidas á cidadanía antes da súa publicación oficial. Ademais púxose en marcha un proceso extraordinario de revisión e simplificación, contando coa participación da cidadanía e de todos os departamentos autonómicos. 

Neste eido destacou que a Xunta mantén unha comunicación directa e permanente coa cidadanía, a través de enquisas e mecanismos de participación que permiten avaliar de forma continua a percepción dos servizos públicos e orientar as decisións de mellora. 

Destacou, especialmente, o proceso participativo Simplificación administrativa na Xunta, dispoñible no Portal de Transparencia e Goberno Aberto, que permite aos cidadáns realizar achegas directas sobre a mellora dos procedementos; e os encontros con colectivos específicos, como a Confederación de Empresarios de Galicia ou diversas asociacións, garantindo que as medidas adoptadas teñan en conta realidades diversas e representativas da sociedade galega.

Estas dúas liñas de acción repercutiron nunha redución de cargas administrativas ou documentos a presentar pola cidadanía. 

Finalmente, unha terceira liña de acción foi o  uso da proactividade para facilitar o acceso da cidadanía a dereitos, axudas e servizos públicos. Barreiro recordou este piar fundamental, que permite á Administración adiantarse ás necesidades da cidadanía a partir da información dispoñible na Carpeta Cidadá. Servizos como a Tarxeta Benvida, a renovación de licencias de caza e pesca ou as declaracións anuais nos ámbitos gandeiro e vitivinícola son exemplos dun modelo de Administración máis próxima e orientada ás persoas, con elevados niveis de satisfacción entre as persoas usuarias. 

No eido da simplificación da comprensión da linguaxe administrativa, destacou o redeseño da sede electrónica da Xunta, cunha presentación máis intuitiva e unha linguaxe clara e accesible, así como a elaboración dunha guía para simplificar as mensaxes dirixidas á cidadanía.