Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta adxudica case 1.520 M€ dos Fondos MRR

A Xunta adxudica case 1.520 M€ dos Fondos MRR

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR correspondente ao primeiro trimestre de 2026
  • O 80% do gasto adxudicado xa está executado ou pagado, superando os 1.200 millóns de euros

A Xunta de Galicia acada os 1.522 millóns de euros adxudicados dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que representan o 91 % dos recursos dispoñibles. Por outro lado, o gasto executado aumentou un 8 % neste trimestre ata acadar os 1.213 millóns de euros que xa foron pagados ás empresas, persoas físicas, autónomos e outras entidades e sociedades. 

Así se reflicte no informe que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia correspondente ao primeiro trimestre de 2026.

Segundo explicou Miguel Corgos no Consello, os ingresos recibidos que a Xunta ten a disposición para a execución do MRR ascenden a 1.670 M€, en ámbitos como a transición verde e transformación dixital, industria, comercio e turismo, protección social e educación ou ciencia e saúde. O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou o avance na execución que os distintos órganos xestores da Xunta de Galicia están a conseguir.

Miguel Corgos recordou que o prazo para a consecución dos fitos e obxectivos establecidos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España finaliza en agosto de 2026. Tamén fixo fincapé na importancia de continuar na senda de execución co obxectivo de garantir unha óptima absorción dos fondos que ten a disposición a Xunta de Galicia. O conselleiro fixo fincapé na falla de coordinación e disparidade de criterios por parte dos Ministerios.

O informe presentado repasa tamén o estado de execución dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica, que son deseñados, planificados e xestionados polo Goberno do Estado. Existen, na actualidade, 12 PERTEs aprobados con financiamento de fondos MRR, que contan cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron ata o de agora 20.600 M€ (50 %). A participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTEs é do 5,3 % (1.098 M€) do asignado en toda España. 

Canto ao impacto da execución da Xunta de Galicia a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia na sociedade galega, ata finais do primeiro trimestre de 2026, preto de 48.000 persoas físicas, máis de 8.200 autónomos e case 7.000 entidades e sociedades estanse a beneficiar dos fondos xestionados polo Goberno galego.