Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta activa un plan con 20 medidas para favorecer a liquidez, atender aos sectores con máis dificultades e axudar ás familias ante os efectos da guerra

A Xunta activa un plan con 20 medidas para favorecer a liquidez, atender aos sectores con máis dificultades e axudar ás familias ante os efectos da guerra

  • O plan suma un total de 277 millóns de euros, incluíndo os 157 M€ das medidas aprobadas hoxe polo Consello da Xunta e os 120 M€ da financiación de Galicia nas aprobadas polo Goberno central
  • Dá resposta a unha crise de natureza global pero con efectos diferenciados en Galicia, debido ao peso singular de sectores altamente expostos ao custo enerxético e ao impacto loxístico internacional
  • Entre as actuacións máis urxentes que se van levar a cabo figuran os 62 M€ que o Igape destinará ás empresas afectadas polo incremento dos custos enerxéticos, os máis de 44,9 M€ que se destinan aos sectores produtivos, especialmente ao pesqueiro e ao agrario, ademais das actuación para protexer os fogares
  • Galicia promocionarase como destino turístico de tranquilidade e natureza fronte á inseguridade e a masificación doutras zonas
  • O plan combina actuacións no ámbito autonómico con propostas dirixidas ao Estado e á Unión Europea

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026.- A Xunta activa un plan para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio, co obxectivo de favorecer a liquidez, atender aos sectores con máis dificultades e axudar ás familias galegas. O Consello de Goberno aprobou hoxe un plan con vinte liñas de actuación que contempla políticas de choque enerxético, apoio financeiro ás empresas, protección social e impulso á transición enerxética, así como actuacións encamiñadas á resiliencia loxística e propostas de reforma normativa e fiscal. 

O plan combina actuacións no ámbito autonómico con propostas dirixidas ao Estado e á Unión Europea. Suma un total de 277 millóns de euros, incluíndo os 157 M€ das medidas aprobadas hoxe polo Consello da Xunta e os 120 M€ da financiación de Galicia nas aprobadas polo Goberno central. 

Nas medidas da Xunta destacan 62 millóns de euros para empresas e pemes, 6,2 millóns de apoio ás familias, 25,5 M€ para o sector pesqueiro, 19,4 millóns para o sector agrario, 39,3 millóns de euros para eficiencia enerxética e 5 millóns para o sector turístico.

O Goberno galego mantivo reunións cos sectores máis afectados para adaptar as medidas ás súas necesidades. Deste xeito, os obxectivos do plan céntranse nos sectores produtivos para reducir o impacto do incremento de custos enerxéticos e loxísticos, soster a actividade económica e o emprego, reforzar a resiliencia das cadeas de subministración, acelerar os investimentos en transición enerxética e eficiencia e facilitar a adaptación das empresas galegas a un escenario internacional máis complexo. As medidas esténdense tamén ao conxunto da sociedade, para protexer aos fogares fronte á inflación enerxética.

Priorización e execución coordinada
O plan incorpora un marco de gobernanza, seguimento e avaliación que permite priorizar as actuacións, medir o seu impacto e garantir unha execución coordinada e eficaz entre administracións.

Deste xeito, entre as actuación máis urxentes que se van levar a cabo figuran os 62 millóns de euros dos préstamos que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina a empresas afectadas polo incremento dos custes enerxéticos e polas disrupcións nas cadeas de subministración, garantindo liquidez inmediata e continuidade da actividade. 

Ademais implantarase un procedemento extraordinario de tramitación acelerada para solicitudes de financiamento empresarial, que permitirá resolver expedientes nun prazo máximo de 10 días. E levarase a cabo a axilización administrativa e simplificación de procedementos para proxectos estratéxicos nos ámbitos das enerxías renovables, industria verde, dixitalización e TIC.

Outra das actuacións urxentes é a protección dos fogares, aos que se destinarán máis de 6 millóns de euros para moratorias, aprazamentos e condonación parcial de alugueiros das vivendas públicas, para a revisión dos contratos públicos de transporte regular e escolar para que a suba de custes non se traslade ao prezo final, e para a axilización do pagamento de medidas destinadas a achegar recursos o máis rápido posible aos fogares vulnerables, como o Bono Social Térmico, a renda de inserción social de Galicia (RISGA) e as axudas de emerxencia social. 
 
Os sectores produtivos reforzaranse con máis de 44,9 millóns de euros, especialmente o pesqueiro, con 25,5 M€ para a modernización de infraestruturas portuarias, lonxas e cadea de frío para mellorar a eficiencia operativa e reducir custos. Así mesmo, apoiaranse proxectos que incrementen o valor engadido da produción pesqueira mediante investimentos en transformación, comercialización, diferenciación de produto, certificación de calidade e economía circular.

O sector agrario recibirá 19,4 M€ para a modernización de infraestruturas e equipamentos produtivos orientados á mellora da eficiencia e para a redución da dependencia de insumos externos. Dentro destas axudas, destaca a achega de 10,8 millóns para o impulso de iniciativas orientadas ao fortalecemento das cadeas curtas de comercialización, á valorización do produto local, á trazabilidade e á diferenciación nos mercados.

Promoción do destino Galicia
Destinaranse 5 M€ para promocionar Galicia refuxio de tranquilidade e autenticidade fronte á masificación doutros destinos mediterráneos, poñendo en valor a riqueza natural, o Camiño de Santiago e a calidade gastronómica da Comunidade como elementos diferenciais. Trátase de converter a crise xeopolítica actual nunha oportunidade de mercado, ofrecendo ao turista internacional un destino seguro e estable fronte á inestabilidade en Oriente Medio e Asia.

Medidas de longo percorrido
O perfil industrial exportador de Galicia, caracterizado por unha elevada dependencia enerxética e unha forte especialización en sectores intensivos en consumo de enerxía e loxística —como a automoción, o metalmecánico, o agroalimentario, a pesca, a minería e o transporte— xunto cunha estrutura produtiva co predominio de pemes agrava a vulnerabilidade da economía galega ante o incremento dos custos.

A Administración autonómica aposta por avanzar cara a un modelo de maior autosuficiencia enerxética, destinando preto de 40 millóns de euros para, entre outras iniciativas, rehabilitar edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética. Así mesmo, impulsarase o autoconsumo colectivo en polígonos empresariais, onde o consumo é intensivo e o impacto da inflación enerxética afecta directamente á competitividade e ao emprego. E fomentarase a constitución de comunidades enerxéticas, para que os grupos de veciños, pemes ou entidades locais poidan asociarse para xerar e consumir a súa propia enerxía, de xeito eficiente. 

Resposta rápida e eficiente
O plan está dotado con máis de 157 millóns de euros para atender aos sectores afectados, que se suman aos máis de 120 M€ que o Goberno galego estima que suporá para Galicia financiar as medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central. Medidas que o Goberno galego considera insuficientes e que lamenta que non foran consensuadas coas CC.AA.

Ademais das actuacións no ámbito autonómico, o plan complétase con propostas dirixidas á Administración Xeral do Estado e á UE, necesarias para completar a capacidade de resposta ante unha crise de natureza global.

Así, propón ao Goberno central diversas medidas en materia de política fiscal, contratación pública, enerxía e infraestruturas, mobilidade e transporte, así como no ámbito da agricultura, a pesca e as relacións coa UE. 

Tamén reclamará á Unión Europea máis flexibilidade para os fondos, cofinanciación ao 100%, un novo marco de axudas do Estado para sectores afectados e, en xeral, apoio fronte á crise enerxética e loxística.