A Xunta achega máis de 2,6M€ ao Concello de Santiago para o financiamento dos gastos de capitalidade

- O Goberno galego contribúe así ao mantemento dos servizos na cidade derivados da súa condición como capital de Galicia e sede das institucións autonómicas
- A cantidade consignada para 2025 increméntase un 10% con respecto ao ano pasado
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025.- O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e o Concello de Santiago en virtude do cal o Goberno galego achegará máis de 2,6 millóns de euros ao consistorio compostelán no ano 2025 para o financiamento dos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma.
Este acordo enmárcase na Lei 4/2002, do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela, que recoñece a cidade compostelá como sede das institucións autonómicas e capital de Galicia. A citada norma regula, ademais, as relacións de colaboración e cooperación entre o Concello e a Xunta de Galicia.
Neste sentido, o Estatuto de Capitalidade establece a necesidade de achegar, por parte do Goberno galego, financiamento específico para axudar a sufragar o custe adicional derivado da presenza das institucións autonómicas no termo municipal de Santiago de Compostela. A cantidade consignada para 2025, 2.631.667€, supón un incremento dun 10% con respecto ao ano pasado.