Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

21 novos funcionarios elixiron hoxe destino tras superar as oposicións a distintos postos especializados da Xunta de Galicia

21 novos funcionarios elixiron hoxe destino tras superar as oposicións a distintos postos especializados da Xunta de Galicia

  • Estes empregados públicos reforzarán as especialidades de biólogos (11), químicos (3), enxeñeiros industriais (4) e subinspectores de consumo (3)
  • Ao longo do mes de setembro tomarán posesión nos seus postos de traballo
  • A elección de destino realizouse por orde, segundo a puntuación acadada por cada aspirante no proceso selectivo

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019.- Un total de 21 novos funcionarios elixiron hoxe destino despois de superar distintos procesos selectivos de acceso a postos especializados da Xunta de Galicia. A Dirección Xeral da Función Pública -dependente da Consellería de Facenda- realizou en Santiago os actos de elección de destino para uns aspirantes que agora reforzarán as especialidades de biólogos, químicos, enxeñeiros industriais e subinspectores de consumo.

En concreto, 11 opositores –que accederán á escala de ciencias, especialidade de bioloxía– elixiron entre 32 destinos ofertados; catro opositores –que accederán á escala de enxeñeiros industriais– elixiron entre nove destinos ofertados; outros tres opositores –que accederán á escala de axentes de inspección, especialidade de consumo– contaron con cinco destinos ofertados; e tres opositores máis –que formarán parte da escala de ciencias, especialidade de química– dispuxeron dunha oferta de 17 destinos.

Nomeamento e toma de posesión
Unha vez realizada hoxe a elección de destino, está previsto que a finais deste mes se publique no DOG o seu nomeamento como funcionarios de carreira, con indicación do posto adxudicado. Estes novos funcionarios deberán tomar posesión do seu destino e incorporarse aos seus postos de traballo no prazo dun mes, que se contará a partir do mes de setembro.

O acto de elección de destino supón a parte final dun proceso selectivo. A medida que os procesos selectivos van concluíndo, a Administración convoca os actos de elección para que as persoas aspirantes que superaron dito proceso poidan elixir un destino entre todos aqueles que se lle ofertan.

No acto de hoxe, que se celebrou no Edificio Administrativo de San Caetano, a elección do destino realizouse por orde, segundo a puntuación final acadada no proceso selectivo por cada aspirante.