Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e CIG asinan o acordo para implantar o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega

Xunta e CIG asinan o acordo para implantar o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega

  • Galicia é a primeira comunidade en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada recentemente polo Goberno central
  • O acordo ten unha vixencia de tres anos e regula o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade a distancia

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez e a secretaria nacional da Confederación Intersindical Galega (CIG), Zeltia Burgos, veñen de asinar hoxe en Santiago o acordo para implantar o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega. Galicia convértese, así, na primeira comunidade autónoma en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central no mes de setembro.
Este acordo ten unha vixencia de tres anos e regula as condicións e o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade do teletraballo ao persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. 

Esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a propia Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. En todo caso, as unidades administrativas contarán –con carácter xeral- cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 40% dos seus efectivos.

O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial- permitidas e a xornada de traballo diaria non poderá fraccionarse para ser prestada nas dúas modalidades (presencial e a distancia). 

Ademais, o acordo recolle tamén a prioridade das vítimas de violencia de xénero, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade, maiores de 60 anos, aquelas que teñan necesidade de conciliación da vida familiar e persoal e as persoas que teñan un maior tempo e distancia de desprazamento do domicilio ao lugar de traballo para acollerse á modalidade de teletraballo. O acordo tamén recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.

Requisitos e medios tecnolóxicos
Para que unha unidade administrativa poida autorizar a prestación de servizos a través da modalidade de teletraballo debe poder implantarse un sistema de xestión do traballo por obxectivos ou un sistema medible de asignación de tarefas. 

Aquel empregado público que solicite traballar a distancia deberá facelo de acordo cun plan individual de teletraballo, no que se recollerán os obxectivos, o calendario, os indicadores para medir o seu grao de cumprimento e os horarios.

Por primeira vez, a Administración proverá aos empregados públicos cos medios técnicos precisos para desempeñar a súa tarefa na modalidade de teletraballo. Así, facilitaráselles un ordenador para o seu uso nas xornadas de traballo; acceso ás aplicacións informáticas da Comunidade e ás do órgano de adscrición do posto; ferramentas ofimáticas; conexión cos sistemas informáticos da Administración autonómica; e os sistemas de sinatura electrónica que garantan a seguridade e privacidade dos traballos a desenvolver.

Esta modalidade a distancia non poderá aplicarse naqueles postos nos que a súa prestación efectiva só quede garantida por completo coa presenza física do empregado público, esixindo deste xeito a prestación de servizos presenciais. Trátase, por exemplo, de empregos en oficinas de rexistro e atención e información á cidadanía; postos técnicos ou administrativos de unidades con atención 24 horas; traballos de persoal condutor e de persoal subalterno; secretarías de altos cargos; postos que desenvolvan a súa xornada laboral fóra das dependencias administrativas ou aquelas ocupacións que impliquen manexo de información e acceso a datos non dixitalizados.