Volver ao contido

Notas de prensa

O Consello da Xunta aproba o peche do exercicio orzamentario do ano 2023

O Consello da Xunta aproba o peche do exercicio orzamentario do ano 2023

  • O Consello do Goberno galego tamén avaliou un informe sobre os programas operativos dos fondos da Política de Cohesión do período 2014-2020 
  • O Consello da Xunta aprobou hoxe o peche do exercicio correspondente ao ano 2023, avanzado na reunión desta mañá polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro 2024.- O informe analizado mostra que Galicia pechou o 2023 cunha execución do orzamento do 99,6%, o que implica un gasto de preto de 1.200M€ superior ao do exercicio 2022. Ademais, o déficit situouse no 0,3% do PIB en consonancia coas previsións incluídas nos orzamentos; e o esforzo investidor foi do 17%.

Por outra banda, segundo se desprende do documento, con datos do mes de novembro, Galicia foi a 2ª Comunidade Autónoma que pagou con máis axilidade aos seus provedores, nunha media de 14 días, por debaixo da media de Comunidades Autónomas.

A isto hai que engadir, que Galicia pechou o pasado exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 16,1%, 3,7 puntos por debaixo do nivel que presentaba este indicador ao inicio da pandemia (19,7%) e a máis baixa desde o ano 2012.

Fondos Europeos
O Consello da Xunta tamén avaliou hoxe un informe sobre os programas operativos dos fondos europeos estruturais correspondentes ao período 2014-2020: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE).

Deste documento despréndese que Galicia executou o 100% dos 1.300 millóns de euros dos fondos FEDER e FSE para o período 2014-2020, así como tamén os 440M€ do fondo REACT-UE destinados a reparar os danos económicos e sociais provocados pola covid-19. A través do Programa FEDER concedéronse preto de 16.000 axudas a máis de 9.200 empresas; e case 220.000 persoas se viron beneficiadas por actuacións enmarcadas no Programa FSE.

En canto á súa finalidade, o obxectivo do FEDER é o de potenciar a I+D+i e as TIC, mellorar a competitividade das pemes, o medio ambiente ou favorecer a transición cara a unha economía baixa en carbono. Pola súa banda, o FSE procura promover a sustentabilidade e a calidade do emprego, a inclusión social e a loita contra a pobreza ou a formación e educación.