Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda e Administración Pública recibe aos participantes na iniciativa Camiño 2022 á súa chegada a Santiago 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública recibe aos participantes na iniciativa Camiño 2022 á súa chegada a Santiago 

  • Miguel Corgos agradece aos 400 empregados da empresa CISCO o seu proxecto solidario a prol da loita contra o cancro
  • Os traballadores de CiSCO España e outros 20 países chegaron a Santiago desde distintos puntos do país como parte do seu compromiso coa comunidade "Dejando huella"

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recibiu hoxe en Santiago de Compostela aos participantes na iniciativa Camino 2022, promovida por CISCO, logo de completar a súa peregrinación á capital de Galicia.  

Miguel Corgos agradeceulles aos 400 empregados, familiares e amigos desta multinacional tecnolóxica o seu proxecto solidario a prol da loita contra o cancro e louvou a súa responsabilidade, que busca impactar na comunidade a través das persoas, a tecnoloxía e a sustentabilidade con "Dejando huella", iniciativa que se traduciu na multitudinaria e solidaria peregrinación a Santiago.

O responsable da Facenda autonómica lembrou que CISCO é líder mundial en tecnoloxía da información e redes, con presenza destacada en Galicia, onde fabrica boa parte da electrónica de comunicacións instalada nos centros conectados á rede corporativa da Xunta. É, ademais, o provedor da aplicación corporativa de videoconferencia.

Máis de 100.000 peregrinos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública agradeceu á empresa ter escollido Santiago e o Camiño como medio para acadar o fin de recadar fondos para a  loita contra o cancro e lembroulles que, deste xeito, se suman aos máis de 100.000 peregrinos que desde xaneiro chegaron xa a Galicia e que van contribuír a facer este dobre Ano Santo o máis importante da historia.