Máis de 7.000 aspirantes están convocados esta fin de semana en Silleda, Lugo e Ourense para as oposicións de educadores, auxiliares de enfermería e categorías administrativas

- As probas realizaranse de forma simultánea nas tres sedes
- Os exames para o grupo C2 de auxiliares de enfermería celebraranse en dúas quendas sucesivas
- As autoridades sanitarias avalan o protocolo da Xunta para a realización das probas con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021.- Máis de 7.000 aspirantes están chamados a participar esta fin de semana nas oposicións para 476 prazas de educadores, auxiliares de enfermería e categorías administrativas. En total, 7.557 opositores están convocados mañá e o domingo no recinto feiral de Silleda, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e no recinto da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense.
A pandemia e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obrigan a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible. Neste marco, os exames realizaranse simultaneamente nas tres sedes, e ademais, os do grupo C2 de auxiliares de enfermería terán lugar en dúas quendas sucesivas.
A Xunta reanudou os exames de oposicións con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Mañá ás 09,00h realizarase simultaneamente en Silleda, Lugo e Ourense o exame para 85 prazas do grupo A2 do Corpo de Xestión//Grupo II para o que están convocados 2.008 aspirantes; e pola tarde ás 16,30h terán lugar tamén de xeito simultáneo nas tres sedes, as probas para 86 prazas do grupo A2 Educadores nas que están chamadas a participar 1.965 persoas.
A continuación, o domingo celebrarase simultaneamente nas tres sedes e en dúas quendas sucesivas (ás 09,00h e ás 16,30h) o exame para 305 prazas do grupo C2 Auxiliares de enfermería con 3.584 aspirantes convocados.
Dadas as limitacións establecidas pola crise sanitaria da covid-19, a Dirección Xeral da Función Pública emitirá para todos aqueles participantes que o precisen, unha autorización de mobilidade que xustifique o seu desprazamento para a realización dos exames. Ademais, entre as 24 e 48 horas posteriores ao remate do exercicio, tamén terán á súa disposición un certificado de asistencia. Ambos os dous xustificantes poderán obterse no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.
Protocolo avalado polas autoridades sanitarias
Todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta de Galicia e avalado polas autoridades sanitarias. Os exames terán lugar de xeito simultáneo no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas; no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e no recinto da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense con capacidade cada un deles para preto de 1.800 persoas.
Este protocolo establece que os aspirantes deben acudir sos (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.
A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.
En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.
Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores será de entre catro e cinco metros.
Ademais, un operativo formado por case 300 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda, como o de Lugo e o de Ourense disporán tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.