Máis de 1.300 aspirantes participaron hoxe no 2º exercicio para cubrir 97 prazas do corpo administrativo C1

- A porcentaxe de participación foi do 91%
- A proba tivo lugar no recinto da Feira Internacional de Silleda
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021.- Un total de 1.341 aspirantes participaron esta tarde no segundo exercicio para cubrir 97 prazas do corpo administrativo C1/grupo III da Xunta de Galicia. A esta proba, que se realizou no recinto da Feira Internacional de Silleda, estaban convocadas 1.473 persoas, co que a porcentaxe de participación foi do 91%.
A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.
Neste sentido, os exames celébranse con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa realización seguindo un protocolo de actuación elaborado pola Xunta que garante a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas salvo que precisen asistencia.
Deben presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar sempre a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.
Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.