A Xunta propón aos sindicatos incluír na Oferta de Emprego Público para 2021 máis de 1.000 prazas de acceso libre

- O Goberno galego amplía así a proposta remitida a semana pasada aos sindicatos, e inclúe as prazas de estabilización e consolidación de persoal que se suman ás 635 da taxa de reposición
- A oferta de emprego público de 2021 esgotará a taxa de reposición
- O maior número de prazas concéntrase na escala de auxiliares de clínica (138) ou na especialidade en xardín de infancia (101 prazas)
- No eido administrativo destacan 79 prazas para o corpo superior (A1) ou 81 para o corpo de xestión (A2)
- Inclúense tamén 204 prazas de promoción interna e 160 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de propoñer hoxe ás organizacións sindicais a aprobación dunha Oferta de Emprego Público (OEP) para 2021 no eido da Administración Xeral con máis de 1.000 prazas de acceso libre.
O Goberno galego amplía así a proposta remitida a semana pasada aos sindicatos, e súmalle ás 635 prazas que esgotan a taxa de reposición para cubrir xubilacións, falecementos ou renuncias, a oferta adicional de prazas para a estabilización e a consolidación de persoal.
A Xunta esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central a todas as Administracións. Galicia xa solicitou en sucesivas ocasións a eliminación desta limitación que impide proceder á convocatorias máis amplas de prazas. De feito, o ano pasado, presentoulle ao Goberno central unha proposta formal de reforma do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para eliminala co obxectivo de garantir a estabilidade laboral no emprego e reducir a temporalidade entre as persoas traballadoras das distintas Administracións. Malia estas peticións compartidas co resto das comunidades autónomas, o Executivo central desoíu reiteradamente todas as peticións.
En total, a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral para 2021 ascende a 1.370 prazas, das que 1.006 son de acceso libre; 204 prazas para a promoción interna e 160 postos para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UGT.
O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala de auxiliares de clínica con 138 prazas; na escala de axentes técnicos facultativos con 101 prazas na especialidade en xardín de infancia; ou na escala de técnicos facultativos con 19 na especialidade de enfermería. Tamén se inclúen 49 prazas para a escala de enxeñeiros técnicos; 45 prazas na escala de enxeñeiros; 35 para a escala de ciencias; ou 13 prazas para a escala de xerocultor. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.
En canto ao eido administrativo, destacan 79 prazas para o corpo superior (A1), 81 para o corpo de xestión (A2), 51 para o corpo administrativo (C1), 61 para o corpo auxiliar (C2) e 47 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).
A proposta de decreto inclúe 204 prazas reservadas para a promoción interna do persoal funcionario. A elas só poderán acceder aqueles empregados públicos que xa teñen unha praza fixa na Administración e que queren opositar para acadar un ascenso ou promoción profesional. As probas tamén se desenvolverán a través do sistema de concurso-oposición.
Finalmente, recóllense outros 160 postos para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. Trátase dun proceso moi demandado polo persoal laboral fixo da Xunta e ao que se acolleu o 95% do persoal susceptible de funcionarizar. As primeiras probas de funcionarización celebráronse no mes de outubro do pasado ano.
A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permitirán modificar o réxime xurídico do traballador, que pasará de ser empregado laboral fixo a funcionario da Administración.
- ACCESO LIBRE (1.006 PRAZAS)
ADMINISTRACIÓN XERAL | TOTAL |
Corpo superior (subgrupo A1) | 79 |
Escala de letrados (A1) | 4 |
Escala de sistemas e tecnoloxía da información (A1) | 16 |
Escala superior de finanzas (A1) | 9 |
Escala superior de estatísticos (A1) | 4 |
Corpo de xestión (subgrupo A2) | 81 |
Escala técnica de finanzas (A2) | 10 |
Corpo administrativo (Subgrupo C1) | 51 |
Corpo auxiliar (subgrupo C2) | 61 |
Escala de persoal de servizos xerais (PSX) (C2) | 28 |
Agrupación profesional de persoal subalterno (grupo AP) | 47 |
Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais (AP) | 50 |
ADMINISTRACIÓN ESPECIAL | TOTAL |
Corpo facultativo superior (subgrupo A1) |
|
Escala de enxeñeiros (A1) | 45 |
Escala de arquitectos (A1) | 2 |
Escala de veterinarios (A1) | 63 |
Escala de ciencias(especialidade de bioloxía, química, mar) (A1) | 35 |
Escala de arqueólogos (A1) | 5 |
Escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos (A1) | 8 |
Escala de facultativos (A1) (medicina, psicoloxías) | 11 |
Escala de enxeñeiros técnicos (A2) | 49 |
Escala de subinspección urbanística (A2) | 4 |
Escala de técnicos facultativos (A2) | 28 |
Especialidade en enfermería | 19 |
Escala de axentes técnicos facultativos (Grupo B) |
|
Especialidade en xardín de infancia | 101 |
Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia (C1) | 12 |
Escala de auxiliares de clínica (C2) | 138 |
Escala de xerocultor (C2) | 13 |
Escala auxiliar de laboratorio (C2) | 23 |
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais (C2) | 10 |
2. PROMOCIÓN INTERNA (204 PRAZAS)
Administración Xeral | 204 |
3. FUNCIONARIZACIÓN PERSOAL LABORAL FIXO (160 PRAZAS)
Administración Xeral | 49 |
Administración Especial | 111 |