Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia será a primeira comunidade en aprobar unha canle de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos

Galicia será a primeira comunidade en aprobar unha canle de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos

  • Esta iniciativa, que estará operativa no último trimestre do ano, permitirá unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a independencia dos maiores 
  • Habilitarase un teléfono específico para este servizo que evitará a escoita de mensaxes automatizadas e a marcación de opcións
  • Incluiranse servizos como a cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde ou a atención nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia


Galicia será a primeira comunidade en contar cunha canle de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos. Así se desprende do informe que avaliou o Consello da Xunta, na súa reunión de hoxe, sobre a posta en marcha dunha canle pioneira ao servizo dos maiores, cuxo contacto cos computadores está moi por baixo da media da poboación.


Segundo o informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública, esta medida, que estará operativa no último trimestre do ano, permitirá unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a independencia dos maiores. Non en van, na actualidade, Galicia conta con máis de 700.000 maiores, o 26,12% da poboación galega, dos que 126.000 viven sós sen familiares.
Unha das medidas propostas é habilitar un teléfono específico para este servizo, que evitará ás persoas maiores a escoita de mensaxes automatizadas e a marcación de opcións, facilitándolles o contacto cun operador humano.


A canle, que ten como obxectivo romper coa fenda dixital e facilitar o contacto directo coa Administración galega, incluíra servizos como a cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, ou a atención nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia.


Nos centros de atención primaria do Sergas a atención telefónica para maiores de 65 priorizarase tendo en conta que o sistema automatizado solicita como un dos datos básicos a data de nacemento. 


Cómpre salientar que, actualmente, hai 100 centros de saúde que contan xa coa cita previa con rechamada, unha mellora en atención telefónica que dispón da plataforma tecnolóxica CRM 100. Este sistema permite que quen chama, en caso de que non poida ser atendido no momento, teña a opción de deixar algúns datos persoais co fin de que o operador sanitario, no momento en que quede libre, devolva a chamada. 


Por outra banda, as Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia e as oficinas da Axencia Tributaria de Galicia contarán cunha atención telefónica reforzada, na que se priorizará a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de 65, sen necesidade de escoitar mensaxes nin facer marcación. E, no caso de que unha persoa maior acuda sen cita, será atendida cunha cita ad hoc preferente con respecto aos restantes usuarios que, igualmente, acudan sen cita.