Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta subliña o seu compromiso para garantir servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia

A Xunta subliña o seu compromiso para garantir servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos visitou hoxe os servizos financeiros que a Xunta vén de poñer en marcha en Chandrexa de Queixa
  • Trátase dun concello que levaba máis de 10 anos sen ter servizos bancarios
  • Miguel Corgos explicou que os veciños disporán de caixeiro, dun servizo de asistencia financeira, e de formación

Ourense, 15 de marzo de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos subliñou hoxe o compromiso da Xunta para garantir a prestación de servizos financeiros de calidade a todos os galegos e galegas con independencia do seu lugar de residencia.

Miguel Corgos visitou os novos servizos financeiros que o Goberno galego vén de poñer en marcha en Chandrexa de Queixa, un concello que levaba máis de 10 anos sen ter servizos bancarios e no que os veciños tiñan que facer percorridos de ida e volta de máis de 30 quilómetros para sacar cartos.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que con este novo servizo os veciños de Chandrexa de Queixa disporán de caixeiros automáticos, dun servizo de asistencia financeira co que poder solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional, e dun servizo de formación financeira e banca electrónica para que poidan empregar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

O financiamento corre a cargo da Xunta polo que o concello non tivo que facer ningunha achega económica e só cedeu e acondicionou os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

Implantación progresiva en toda Galicia
Miguel Corgos explicou que semana a semana iranse ampliando estes servizos financeiros en cada un dos 38 concellos que se adheriron á iniciativa froito do acordo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para achegar unha solución a máis de 51.000 galegos e galegas.

Neste momento, ademais de Chandrexa de Queixa, xa están en funcionamento estes servizos no concello de Arnoia (Ourense), Lousame e Toques (A Coruña) e no concello do Páramo (Lugo).

O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que o Goberno galego está comprometido cos concellos rurais e coas políticas de reequilibrio territorial, e por iso en cada orzamento, as provincias de Ourense e Lugo teñen unha discriminación positiva no investimento por habitante en relación ás provincias atlánticas.

Neste marco, explicou que no orzamento en vigor a provincia de Ourense recibirá un total de 1.470 M€ de investimento territorializado, o que supón 4.809 euros por habitante, 1.225 euros máis por habitante que na provincia de A Coruña e 1.049 euros máis que na provincia de Pontevedra. 

Finalmente o conselleiro agradeceu a participación de todos os axentes implicados nesta iniciativa que conta co acordo do municipalismo galego representado a través da Fegamp e coa colaboración de Abanca.