Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta seguirá ampliando os medios de información e asistencia aos cidadáns para axilizar a prestación dos servizos públicos e facelos máis accesibles

A Xunta seguirá ampliando os medios de información e asistencia aos cidadáns para axilizar a prestación dos servizos públicos e facelos máis accesibles

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Plan de control tributario do exercicio 2023
  • A partir da vindeira semana a cidadanía poderá liquidar os seus tributos a través de BIZUM, polo que Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas de España en facer posible esta opción
  • A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) ampliará durante o 2023 os acordos con entidades bancarias para poder realizar o pago de impostos a través de caixeiros automáticos 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) seguirá ampliando os medios de información e asistencia aos cidadáns para axilizar a prestación dos servizos públicos e facelos máis accesibles 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2023, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha no ano 2013. Está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado. 

En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos a alcanzar coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os cidadáns e potenciar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias dos contribuíntes.

Medios de pagamento máis sinxelos
O plan deste ano incide un ano máis en desenvolver e perfeccionar os ámbitos da información e a asistencia aos cidadáns, así como en ofrecer medios de pagamento cada vez máis sinxelos para o contribuínte coa finalidade de fomentar o cumprimento voluntario das obrigas fiscais mediante a redución das cargas administrativas ás que deben facer fronte os cidadáns.

Neste sentido, a partir da vindeira semana, os contribuíntes poderán liquidar os seus tributos a través de BIZUM, polo que Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas de España en facer posible esta opción.

Así mesmo, ampliaranse os acordos con entidades bancarias para poder realizar o pago de impostos a través de caixeiros automáticos. Neste momento, poden facerse xa xestións nos caixeiros do Banco Santander e de CaixaBank.

Estas dúas novidades veñen sumarse a outros métodos postos en marcha pola Atriga desde a pandemia, como o pago on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito-; o pago das autoliquidacións de distintos impostos a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico nas oficinas da Axencia, mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria. Tamén é posible realizar pagos a través de xiro postal. Todas estas opcións que se van ofrecendo teñen o obxectivo de que os cidadáns poidan relacionarse de xeito máis próximo e sinxelo coa Atriga. 

Atención preferente aos maiores de 65 anos
No ano 2022 púxose en marcha un servizo de atención preferente aos maiores de 65 anos, con atención telefónica reforzada, na que se prioriza a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de 65, sen necesidade de escoitar mensaxes nin facer marcación. E, no caso de que unha persoa maior acuda sen cita, é atendida cunha cita ad hoc preferente con respecto aos restantes usuarios que, igualmente, acudan sen cita. Desde a posta en marcha deste servizo, 2.245 maiores recibiron xa atención tributaria a través desta canle preferente.

Ao longo do primeiro semestre tamén estará dispoñible o servizo de cita previa para que sexa a propia ATRIGA a que confeccione á cidadanía a autoliquidación do imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620).

Prevención
En materia de prevención, a ATRIGA vai realizar unha serie de programas de comunicación para fomentar a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns, pois coñecer para que se usa o recadado cos impostos de todos e todas contribúe de xeito efectivo a espertar a conciencia dos contribuíntes. Por iso, a partir do vindeiro curso escolar realizaranse charlas informativas dirixidas ao alumnado de educación primaria dos centros educativos galegos, para transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal.

Ademais, continuarase avanzando e simplificando o sistema de subscrición á información tributaria e novidades de interese, para garantir o acceso sen necesidade de posuír un medio electrónico de identificación.

Por último, nas vindeiras semanas porase tamén en funcionamento a nova web da Axencia Tributaria de Galicia cun redeseño orientado a simplificar o seu uso e operatividade, outorgando un maior protagonismo aos servizos dos contribuíntes e á realización de trámites por vía electrónica. Suporá unha visión máis operativa e sinxela, e cunha linguaxe máis próxima aos contribuíntes.