Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta recorrerá ante o Constitucional o imposto de grandes fortunas do Gobenro central

A Xunta recorrerá ante o Constitucional o imposto de grandes fortunas do Gobenro central

Santiago de Compostela, 23 de marzo.- O Goberno galego acordou hoxe na reunión do Consello da Xunta presentar un recurso de inconstitucionalidade en relación co Artigo 3 da Lei 38/2022, do 27 de decembro, para o establecemento de gravames temporais enerxético e de entidades de crédito e establecementos financeiros de crédito e pola que se crea o imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas, e modifícanse determinadas normas tributarias, facultando ao efecto á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. O Goberno galego toma esta decisión tras a valoración do Consello Consultivo de Galicia.

Como primeiro fundamento do recurso, o Executivo autonómico considera que a creación deste novo imposto supón a vulneración da autonomía financeira autonómica e do bloque de constitucionalidade en materia de tributos cedidos. 

Tal e como se precisará no recurso, a Comunidade galega cando norma sobre o Imposto de Patrimonio exerce unha competencia recoñecida, como é a de lexislar sobre bonificacións ao IP. E o Estado, coa creación deste imposto -do que se recoñece que coincide co de Patrimonio-, anula, desactiva e modifica a cesión feita, sen axustarse ademais ás regras e procesos que serían necesarios para a modificación desa cesión.

Ademais de baleirar de contido as competencias normativas autonómicas que se exercen en base á autonomía financeira autonómica galega, o recurso tamén alegará vulneración do principio de seguridade xurídica, xa que a entrada en vigor da norma o 29 de decembro de 2022, provoca que a entrada en vigor do imposto e o pagamento se produzan practicamente no mesmo momento, privando aos contribuíntes do tempo mínimo necesario para prever a súa tributación.

Finalmente, o recurso tamén trasladará ao Tribunal Constitucional que hai vulneración do procedemento lexislativo con relevancia constitucional, destacando que o Imposto Temporal de Solidariedade das Grandes Fortunas non foi incluído no texto inicial da proposición de lei presentada ante o Congreso, senón que foi incorporado moi posteriormente en trámite de emendas a unha proposición de lei sobre materia distinta, incumprindo deste xeito a doutrina do TC sobre a conexión mínima de homoxeneidade, a cal dispón que non resulta posible introducir emendas que non garden relación co obxecto do texto inicial. 

Non se cumpre coa doutrina descrita ao introducir un novo tributo, que non garda ningunha relación cos outros dous gravames contidos na proposición de lei tomada en consideración: o gravame temporal enerxético e o gravame temporal de entidades de crédito e establecemento financeiros de crédito.